Varrendo para fóra

EVIDENTEMENTE, varrer para fóra é o contrario de varrer para dentro. O de varrer para dentro, por se alguén non coñece o significado desta frase feita, é traballar en proveito propio. En varrer para fóra somos especialistas nós, as galegas e os galegos de todos os tempos. E non é porque sexamos solidarios, que tamén é evidente que o somos, senón porque temos demasiado ben aprendida a lección do autodesprezo.

Antes de que me acusen de vitimismo, direi como o peón de campo da milonga de Atahualpa Yupanqui: «anoten, que no son quejas» e referireime a unhas poucas cousas que proban o que digo no parágrafo inicial.

Parece ser que non existen cancións galegas e por iso a RTVG ten que acudir decote ás foráneas. Unha mostra disto é ese concurso que se inclúe no programa Luar, ‘Canteira de Cantareiros’. Os temas sempre son traducións ao galego, maiormente do ano de María Castaña, o que evidencia que non os escollen pola súa actualidade senón por outras razóns. A final deste ano decidiuse entre unha rapaza que interpretou ‘Granada’ e un mozo que evocou a Luís Mariano con ‘Violetas imperiales’: galeguidade en estado puro como poden ver. O certo é que non sei quen gañou nin me importa. Dóeme a oportunidade perdida de dar a coñecer a nosa música, tanto tradicional como de autor, e dóeme tamén que unha canle que ten como un dos seus obxectivos fundacionais o apoio á cultura deste país o esqueza sistematicamente.

Anunciaron estes días desde a Xunta unha serie de medidas para incentivar a natalidade que, xa se sabe, toca fondo e non garante o relevo xeracional. Estaría moi ben se, en primeirísimo lugar, non estivésemos expulsando, por falta de oportunidades, a xente máis nova; a que, en tendo traballo estábel aquí, estaría en condicións de formar unha familia e procrear. Outros países solucionan este problema a conta nosa e, por riba, xa llelos mandamos con carreira.

Viaxamos lonxe e descoñecemos Galiza, así que non podemos comparar. Temos unha rede hostaleira, casas rurais incluídas, digna de mellor fortuna. O noso turismo non esmorece unicamente pola crise, faino en gran medida pola falta de valoración e apoio de nós propios.

Consideramos perda de tempo aprender ben a lingua que creou este pobo e presumimos do inglés dos nosos fillos, como se o primeiro fose unha rémora para o segundo, a ignorar que para saltar alto hai que afincar primeiro os pés na terra.

A listaxe non termina aquí, mais si o espazo. Por iso, se mo permiten, un consello: varramos para dentro, pola conta que nos ten. Galiza é tarefa nosa. Non é ‘chauvinismo ’. Nós non somos máis ca ninguén, pero menos abofé que tampouco.

Comentarios