Valentín Paz-Andrade

HAI MOITOS ANOS, mesmo antes de que se extinguise a éxida do invicto caudillo, agora calificado de simnplemente autoritario, en certos ambientes galeguistas eran perceptibles algunhas retesias a respecto de Valentin Paz-Andrade, verbalizadas ás veces coa brincadeira de «el pez paz», quizais xogando coa multisémica primeira palabra: por unha banda o mote dos afiliados do partido comunista (para os novos: pc, ‘peces’, ‘peixes’) e pola outra a vocación empresarial da personaxe a quen se lle vai dedicar o próximo Dia das Letras Galegas, por decisión da Real Academia Galega, moi atinada na nosa humilde opinión.

Escoitámolle unha conferencia na nosa vila, á que se desprazou desde Sargadelos levado por Isaac Diaz Pardo, e grazas a el fomos quen de convencelo para falar, xa que a sua saúde era delicada. Foi o 22 de agosto de 1984, para inaugurar a XV Feira do Libro Galego cunha conferencia titulada ‘Testemuño persoal sobre Castelao’. Na cea posterior, tivemos ocasión de aprezar a calidade humana do singular conferenciante. Daquela tiñamos o proído de que ocupasen a nosa tribuna local todas as figuras intelectuais do universo galego, algo que non se acadou xa que non demos xestionado contar coa presenza de don Ramón Otero Pedrayo. Unha ausencia notable, desde logo, pero quizais a única, ou das poucas.

Pero volvendo a Paz-Andrade, se furgamos un pouco na gaveta da memoria, lembramos algo que nos contou Xosé B. Abraira. Como é sabido, en máis dunha ocasión Paz-Andrade foi requerido para participar nas Xornadas do Centro Galego de Buenos Aires. Era o convidado de honra e pronunciou varias conferencias. Pero ao parecer nunha ocasión houbo consigna de boicotear os actos, unha especie de ‘ukase’ que partira de Galiza, e que a xente de alén mar estaba disposta a observar disciplinadamente. Pero ocorreu que os elementos mais novos da colectividade, chamados ao rexeitamento daquela figura, foron os primeiros en se converter en seguidores e admiradores. O conferenciante traia unha nova linguaxe, actual e moderna, ocupándose da economia, da industria, da sociedade e das suas posibilidades e máis das tarefas do porvir. Toda unha novidade, unha verdadeira ruptura á aquela altura e non só para o mundo galego da emigración.

Coa dedicatoria do Dia das Letras Galegas, a revisión da obra e da figura de Paz Andrade vai ofrecer amplas posibilidades de estudo e glosa en todos os sentidos: no eido económico de maneira destacada, pero tamén como biógrafo de duas figuras importantes: Castelao para nós e Guimarâes Rosa no mundo luso brasileiro. Pero ademáis con incursións significativas no eido da creación poética e do ensaio en xeral. O vindeiro Día das Letras vai deitar unha farturenta colleita no coñecimento dunha persoalidade clave e do seu tempo.

Comentarios