Valentín García: ''El Grupo El Progreso es fundamental en la promoción del gallego''

Pedro Naveira, Alberto Ramos, Blanca García,  Valentín García y Marcos Viturro (Foto: PEPE ÁLVEZ)
photo_camera Pedro Naveira, Alberto Ramos, Blanca García, Valentín García y Marcos Viturro (Foto: PEPE ÁLVEZ)

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, remarcou onte que «o Grupo El Progreso é fundamental na promoción do galego» para louvar a iniciativa Minicontos de Outono, promovida polo xornal De Luns a Venres (LV) e o Centro Pen de Galicia.

García acudiu a Lugo para presidir a entrega dos galardóns aos tres gañadores da edición deste ano, que foron, nesta orde, Marcos Viturro, Alberto Ramos e Pedro Naveira. O representante da Xunta explicitou o seu interese en que os galardóns se entregasen por vez primeira en Lugo «porque gústame que as cousas se fagan no seu sitio e o Grupo El Progreso ten súa base aquí».

«A implicación que as cabeceiras deste grupo teñen no progreso de Galicia convírtena en referencia de boas prácticas», subliñou antes de situar a De Luns a Venres «nun lugar fundamental da lingua nos medios de comunicación».

A Valentín García non se lle escapa que ese lugar se atopa non medio dun percorrido difícil no aspecto económico que provoca que «a normalización lingüística non sexa un camiño de rosas, pero hai que ir dando pasos para poder seguir». Malia as dificultades, amosouse «honrado» de contar nesa andaina complicada «cun aliado como o Grupo El Progreso» e «cunha sensibilidade moi especial cara á lingua como a da súa presidenta, Blanca García Montenegro».

García Montenegro defendera xa na súa intervención que «esta casa sempre traballará para que a nosa lingua vaia a moito mellor, tanto mediante De Luns a Venres, El Progreso ou Diario de Pontevedra».

Ese labor precisa de ser acompañado polo labor institucional, como lembrou o presidente do Centro Pen, Luís González Tosar, quen pediu expresamente ao secretario de Política Lingüística que «non deixe de promover e de estar atento» a esa necesidade «porque toda colaboración é necesaria».

O director de LV, Alfonso Riveiro, amosou o seu agradecemento aos participantes, que cifrou en 244, explicando que os seus relatos procedían de Galicia, o resto de España e diferentes países. Sobre a resposta dos concursantes, felicitouse de que «un certame modesto coma este teña recibido xa máis de 800 orixinais nas súas tres edicións».

CONFUSIÓN

A confusión, que é unha característica destes anos de crise, é o motivo central do relato gañador, ‘Axuste de cornos’. O seu autor, Marcos Viturro, compostelán residente en Pontevedra e funcionario en Vigo, recoñeceu que «o máis complicado foi resumir a historia en vinte liñas» nun conto no que buscou «a intensidade».

O relato comeza coa protagonista ao carón do amante clandestino morto e vai desenvolvendo «a incerteza do que vai ser dela».

Outra situación dramática, que parece non ter saída, é «o Ere no Ceo» que narra Alberto Ramos en ‘Liquidación total’, un texto sontruído mediante «unha noticia da Radio Galega, na que Metatrón comunica ese expediente de regulación de emprego ao comité de empresa, que preside Xudas Tadeo». Ramos resume a alma do seu texto como «unha metáfora do mundo.

Un mundo é o que percorre o protagonista de ‘De seu’, de Pedro Naveira, que marcha a Bos Aires tras a súa muller. Unha sobremesa inconfudible será a solución para esta historia de desesperación amorosa e final feliz.

Comentarios