Vale, domine Emmanuele!

Desde o ano 1999 ata o 2020 rexiu a biblioteca do Seminario de Lugo don Manuel (Rodríguez Sánchez), sucedendo a don Arximiro (López Rivas). Este período de vinte anos significaron a introdución da biblioteca na era informática e a adecuación da mesma a novos espazos. Con el chegou a era informática á nosa biblioteca: primeiro foi o ‘Libermarc’ e despois a rede galega de Meiga. Pouco a pouco os ficheiros de papel foron reemplazados pola escritura sobre area. Cal Quixote que sae a liberar doncelas e a desfacer ‘entuertos’ intentou estar sempre actualizado dixitalmente. Descubriu primeiro os pinchos —como dicía el— e xa ultimamente o dropbox, que non lle funcionaba como quería. A súa teima era sincronizar o que traballaba na casa co que facía na biblioteca. Tiña a mesma curiosidade que un neno: nada se lle resistía e nada lle era estraño. Incluso chegou a facer un tratado para resolver o ‘cubo de rubik’. Mantiña a mesma paixón e a mesma intensidade para as novas tecnoloxías que para a antigüidade clásica. Para por exemplos remitía con asiduidade ós clásicos e recitábaos coma ninguén: Sófocles, Homero... Era un viaxeiro entre dous mundos: o clásico do que sacaba exemplos e o universo dixital do que era capaz de sacar aplicacións para as sús aficións e empresas. Nos últimos anos de vida propúxose facer visitas imaxinarias a lugares recónditos da diocese, falando latines cos cabaleiros e cos doantes de terras para o bispo, recreando escenas e sucesos con certa gracia. Tiña curiosidade pola epigrafía e polas malas lecturas do latín. Os erros non eran erros senón que tiñan unha causa. Fixo do latín a súa lingua de defensa considerando que nesta época era un valor do que non se podía prescindir. Era un gran conversador e sempre en constante diálogo coa cultura circundante e sempre presto a resolver calquera dúbida. Velaba pola promoción dos que tiña ó seu lado. Sempre para a cultura, para a sociedade, para a familia é unha perda a desaparición dun membro seu pero neste caso é un cachiño de coñecemento dialéctico o que se perde (o labor do bibliotecario sempre é ese: dar respostas continuas a preguntas que cambian de interlocutor pero que cambian conforme cambia o mundo). Óscar González Murado.

Comentarios