A IDADE DE PRATA, nas primeiras décadas do século XX, é unha época de florecemento cultural que tivo a súa influencia na educación. As características, os persoeiros e institucións impulsoras das novas ideas en España e Galicia estudaranse do 19 ó 23 deste mes en Foz. A educación nesta Idade de Prata, en Galicia e España, centra o noveno curso de verán que organiza a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Foz, do 19 ó 23 de xullo. O seu director é Uxío Otero Urtaza.
PREGUNTA: De onde xurdiu a idea de facer un curso adicado á Idade de Prata?
RESPOSTA: O leitmotiv é o centenario da Residencia de Estudiantes, unha institución que promoveu Francisco Giner e que reuniu en Madrid, entre 1910 e 1936, ós xóvenes intelectuais artistas e científicos máis importantes do país. Acolleu ós mestres que facían un curso de formación e idiomas neste centro antes de irse a Europa.
P: Que caracteriza á Idade de Prata?
Son os anos nos que entran as ideas da Nova Escola en España. Fúndase o Instituto Escuela en 1918, que supón a reforma máis fonda que se fixo no ensino secundario. É unha especie de escola activa pública en España, na que entran as ideas que se estaban facendo eses anos no país.
P: Que persoeiros destacan?
R: O aspecto máis coñecido deste fenómeno é o que deu lugar á Xeración do 27: García Lorca, Maruja Mallo, Altolaguirre, María Zambrano ou Luis Cernuda. A rama científica tamén é moi coñecida, con xente como Cajal, Negrín, Severo Ochoa ou Paulino Suárez. A rama pedagóxica é a menos coñecida.
P: Como é esta época en Galicia?
R: En Galicia hai unha renovación fonda da universidade e tamén é moi importante a creación do Seminario de Estudos Galegos, que na súa sección de pedagoxía, que levou adiante Manuel Díaz Rozas, levaba uns plans moi precisos de expansión da galeguidade no ensino, de levar adiante as ideas da Escola Nova, pero non se puideron levar a cabo pola Guerra Civil. Tamén imos falar no curso do que foi a renovación educativa en Lugo e tamén en Foz. Había un ambiente pedagóxico moi vivo neses anos, especialmente nos 20 e nos primeiros 30, con persoas moi importantes como Luis Soto ou Juan Comas, que antes de converterse nun dos mellores antropólogos do século XX estivo en Lugo catro anos de inspector. Tamén nesta cidade, a Escola Normal foi a primeira de Galicia en difundir as ideas de Jean Piaget.
P: Foi a Guerra Civil a causante do fin desta época?
R: Si, a Idade de Prata termina ca brutalidade da Guerra Civil. Na última conferencia, Nicolás Sesma falará do que quedou e de cómo se está a recuperar nestes momentos ese periodo de esplendor.
P: Que destaca do contido do curso?
R: Por exemplo, por primeira vez vaise divulgar cómo chegan a España as ideas do Instituto Rousseau de Ginebra, institución que acollía a Jean Piaget, e vaise falar da súa influencia en Barcelona, Madrid e Lugo.
P: Que importancia teñen estes cursos de verán?
R: Son un importante foro de debate de temas histórico-educativos, único en España, onde os ponentes traen temas sobre os que están investigando, o cal fai que sexa en Foz onde con frecuencia se dan a coñecer ó público por primeira vez. É un auténtico privilexio para os que asistimos.
P: Aínda hai prazas?
R: Non hai límite de prazas, de momento son 46 os inscritos e pódense seguir apuntando ata o día 16.