Uxía Senlle: ''A música galega pode ter tanto tirón coma El Canto del Loco''

Uxía Senlle, en una foto promocional
photo_camera Uxía Senlle, en una foto promocional

Un fillo moi desexado. Así é Eterno navegar para Uxía Senlle, un álbum gravado en Sintra, nos arredores de Lisboa e no que conflúen "experiencias vitais e profesionais; o alalá, a morna e o fado e un bo número de artistas cos que contactei dun xeito natural", segundo conta nunha entrevista que publica o xornal El Progreso na súa edición impresa deste xoves 12.

Foron oito anos de silencio discográfico. Que fixo neste tempo?
Moitas viaxes con vocación atlántica e contactos con moitos artistas. A orixe deste disco está tamén na iniciativa Cantos na maré de Pontevedra, que reúne músicos galegos e dos países da lusofonía. O traballo de preprodución foi moi longo e, despois, gravouse tamén devagar en Sintra. Neste tempo tamén levei adiante un proxecto de fusión con Javier Limón, La tierra del agua.

Chama a atención a nómina de colaboradores e referencias: Zeca Medeiros, Jon Luz, Tito Paris, Xavier Díaz, Anxo Pintos...
Vou facendo só contactos a medida que van aparecendo proxectos. Eu creo na creación colectiva e este disco é unha construción conxunta de Paulo Borges, que procede das Azores, e máis meu.

É salientable unha columna vertebral de mulleres, con Sara Tavares, as Malvela e letras de Marica Campo. Foi unha elección de militancia feminina?
O disco abre con As nosas cores, un canto ás mulleres resistentes. Con Sara Tavares, unha lisboeta caboverdiana, deseguido atopei moitas afinidades... Aínda que non participan activamente no disco, a peza inicial está dedicada ás Batuko Tabanka, xa que eu vin Cabo Verde cos ollos destas mulleres asentadas en Burela.

No caso de Malvela, foi traballar co último fenómeno musical en Galicia...
Son veciñas, amigas, familia... Do que máis orgullosa estou nos últimos anos. Si que é certo que son o gran revulsivo do disco galego e quixen traballar o tema interxeracional, xa que no disco coinciden a señora Carmen e a miña irmá Raquel ou Sara Tavares, que son moi novas.

Tamén convidou a dous representantes da músca máis vangardista que se fai no país, como Pulpiño Viascón e Fran Pérez, de Narf...
Polo meu traballo na radio estou atenta á música galega que se fai na actualidade e coido que, ao cabo, chegou a diversidade e a normalización sen complexos.

Cre que aceptación de novos sons é o camiño para folk despois de non aproveitar o boom dos 90?
O noso é un pobo creador por excelencia, pero temos unha industria musical moi feble, que non canaliza o que constrúe. Ao mellor se abusou de fórmulas repetidas. O certo é que agora hai experiencias renovadoras, xa emprendidas por Mercedes Peón e seguidas por Pulpiño ou Bonovo... Xa están chegando sons das comunidades inmigrantes e, cecáis, se bote en falta certo coñecemento do que se move en Portugal, aínda que van minguando as distancias.

Hai relevo xeracional?
Si, e tamén nas voces; algo que me quita certo peso de responsabilidade. Son os casos de Rosa Cedrón, Emilio Rúa e Xavier Díaz, un auténtico crooner.

A música galega segue a ter a materia pendente de soar nos medios de ámbito estatal?
Pásalle á música feita en galego, en catalán, en eúscaro e en asturiano. Menos mal que temos o oasis de Radio 3! De todos os xeitos, seguimos exportando a música e hai moi boa aceptación dentro e fóra do Estado español.

Que retos se marca agora?
Eterno navegar sae cunha discográfica francesa, Harmonía Mundi, e conto con estar nos mercado francés e centroeuropeo. Con este álbum teño o propósito de probar camiños fóra e de reencontrarme con público galego. Farei unha xira despois do verán. A ver se cae tamén Lugo, que é a ensencia dos galegos e onde se garda a fala máis bonita da lingua. A música galega pode ter tanto tirón coma ‘El Canto del Loco’ e reto aos programadores de festas a que o proben.

Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Marica Campo son algúns dos letristas de Eterno navegar, no que collen Faustino Santalices como Caetano Veloso. Como se enfrontou a Unha noite na eira do trigo, todo un hit na voz de Pucho Boedo?
Encántame a versión de Pucho Boedo. Optei por deconstruír a peza, que diría Ferrán Adrià. Hai que perder certo respecto aos clásicos e este, co arranxo de Paulo Borges, soa a banda sonora de Nino Rota e tamén a París. Por que non? Entendémola tamén coma un homenaxe á emigración e a xente síntea súa. É un himno e nos directos proporciona un dos momentos máis emocionantes.

O panorama discográfico mudou moito dende o seu anterior disco. Que resposta espera?
Mentres o disco físico exista, hai que tentar facelo ben; que soe ben, unha edición bonita. Neste, están as fotografías de Quim Farinha. Tamén se poden tentar novas vías de distribución. O que é certo é que o disco está en recesión, pero a música en directo medra.

Comentarios