UU.AA. anima a las mujeres a aprovechar las axudas al rural

A agrupación de mulleres rurais Fademur organizou o venres 22 de xaneiro en Becerreá unha xornada informativa para explicar as posibilidades de emprego para emprendedoras. Asistiu o secretario xeral de Unións Agrarias (UU. AA.), Roberto Garcia, quen insistiu na importancia de que xurdan proxectos no medio rural para asegurar que as axudas destinadas ó desenvolvemento revirten nos habitantes dos pobos e non se desvían para proxectos foráneos.

Roberto García animou ás mulleres, «a xente máis dinámica do rural», a aproveitar as posibilidades de xerar ingresos e recibir axudas das administracións porque «sería torpe contribuír a que as subvencións da UE vaian para señoritos que veñen de fin de semana a dar leccións».

O líder de UU.AA. instou a loitar «para que poda vivir no rural quen ten vocación, non quen non ten outro remedio», para o cal considerou imprescindible «uns ingresos dignos e os mesmos dereitos e servizos que calquera outro cidadán».

Nisto coincidiu a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, quen avogou por «dignificar a profesión» de agricultores e gandeiros para que sexa rendible e atractiva para as novas xeracións.

Arcos presentou os resultados dunha enquisa realizada entre estudantes. Destacou que valoran os traballadores do campo como produtores, dinamizadores do rural, protectores do medio ambiente e das tradicións, pero só un tres por cento elixiría traballar no agro.

Algunhas emprendedoras explicaron nas xornadas as súas experiencias. Entre elas, unha integrante de Caurelor, empresa para o aproveitamento dos produtos do Courel como castañas, noces ou abruños; ou unha integrante dunha empresa de servizos de proximidade con sede na parroquia lucense de Coeses.

Ambas orientaron ás mulleres emprendedoras sobre os pasos a seguir e o asesoramento que ofrece Fademur.

Comentarios