Urbano Lugris

Entre os paraísos perdidos que podemos delimitar coas lecturas do verán, propoño un de cor azul e formas fantásticas habitado por personaxes de lenda. O pasadizo que conduce a este lugar é un libro de título fermoso, Balada de los mares del norte'.Trátase dunha compilación de poemas, contos e ensaios do pintor Urbano Lugrís preparada con esmero pola profesora Olivia Rodríguez González.

O libro aparece, xunto con outras publicacións (a monografía Urbano Lugrís. Viaxe ao corazón do océano', de Antón Patiño, e a novela O señor Lugrís e a negra sombra, de Luís Rei Núñez), cando se cumpre o centenario do nacemento do artista (1908-1973), fillo do escritor que fora cofundador e presidente da Real Academia Galega, Manuel Lugrís Freire. Tal efeméride serviu para reivindicar unha figura un tanto esquecida e da que se tiña ademais, fóra de círculos reducidos, un coñecemento moi limitado.

A personalidade de Urbano Lugrís quedou inmobilizada na figura do artista bohemio, dono dun anecdotario inmenso, así como na do pintor de universos mariños doadamente recoñecíbeis pola súa singularidade. Na súa obra gráfica aparece representada unha particular iconografía formada por naves, baleas, sereas, monstros, faros, cunchas, áncoras ou restos de naufraxios. Son cadros imaxinativos que recrean materiais mitolóxicos e lendas, configurando a miúdo escenarios oníricos e atemporais.

Moito menos coñecida que a súa pintura é a súa actividade intelectual, intensa durante os anos de xuventude vividos en Madrid nos comezos da década dos trinta e, sobre todo, a obra literaria, integrada por poemas, contos e textos en prosa cuxa clasificación resulta as máis das veces difícil. Estes materiais, aparecidos en publicacións periódicas (Atlántida,
Vida Gallega, El pueblo gallego) eran ademais até o de agora de moi difícil acceso pola súa dispersión.

Ao longo das páxinas da Balada de los mares del norte' é posíbel recoñecer moitos dos elementos característicos da obra plástica de Lugrís. Así acontece nos poemas
Tres sonetos de las islas Cíes ou Diálogo del pescador y la sirena. Espazos mariños envolveitos na lenda, na fantasía e na aventura son tamén recreados en El buzo y la sirena, Ithcairn en la arena ou Legendario del mar. San Barandán.

Os escritos reunidos neste volume son unha mostra das dimensións do universo creativo
do escritor, así como da súa erudición e das súas curiosidades. O libro, que recupera ademais sete poemas e un conto en lingua galega, abre unha porta privilexiada para entrar, da man da palabra, no universo fabuloso de Urbano Lugrís e pode ser un marabilloso
refuxio, ao abrigo dos ventos, para a imaxinación preguiceira dos días do verán.

Comentarios