Uns cabezóns para a historia

O Concello de Vilalba, o IES Basanta Silva e a Escola Municipal de Teatro colaboran na recuperación de catro históricos cabezudos da capital chairega, habituais nas festas de San Ramón de hai décadas. O Demo, a Negriña, Drácula e a Bruxa volverán á vida en xullo, na clausura dos actos do cincuentenario do instituto.

TODOS OS vellos nenos de Vilalba saben o que é un cabezudo, o que era oír o son dos gaiteiros e acarreirarse diante destes grotescos e fermosos personaxes que enchían de cor as rúas polas festas de San Ramón e Santa María. Mais a tradición esmoreceu cos anos e Drácula, a Negriña, a Bruxa e o Demo ficaron acumulando po no trasteiro da escola habaneira de Santaballa, agardando pacientemente, sós na escuridade, a volta da música, da foliada, ese hipotético día no que volverse ver rodeados de pícaros, lucindo as súas mellores galas para certificar que é día de festa.

Esa data, que case parecía unha quimera para estes catro amigos de cartón pedra que apenas sobrevivían gravados na memoria deses moitos vellos nenos vilalbeses, xa é unha realidade. Sábado, 9 de xullo do 2016. E son moitos os implicados na volta a esencia destes cabezóns que hai xa unhas cantas décadas emprendían un camiño de non retorno dende o obradoiro zaragozán da veterana empresa Aragonesa de Fiestas ata a capital chairega.

O IES Santiago Basanta Silva celebra o seu cincuentenario este ano, e para iso buscou apoios aquí e acolá para materializar un programa de actos o máis completo posible. E o Concello de Vilalba non podía dicir que non. Nun deses ‘brainstorming’ que tanto gusta aos altos executivos xurdía a pregunta. «E se recuperamos os cabezudos?» E tamén a resposta, a única posible. «Por suposto que si». Quizais a conversa non fose ben así, pero o resultado vén sendo o mesmo, e nas clases de Plástica do instituto vilalbés están a traballan xa na recuperación dos catro cabezudos que tiña o Concello, que é quen costea os materiais.

Os profesores de Plástica do instituto, Begoña Arias e José Luis Carrasco, xunto a alumnos voluntarios, traballan na restauración

A idea é telos listos para que poidan desfilar na festa popular coa que se van clausurar todos os actos do 50 aniversario do centro, unha romaría ambientada na época da súa inauguración, o 1966. «Nas festas que eu recordo de pequeno non faltaban nunca os xigantes e os cabezudos, cos nenos darredor, sempre acompañando aos gaiteiros», lembra o vicedirector do IES, Carlos Gómez Osa, plasmando unha imaxe de antano que queren revivir o 9 de xullo.

Para elo tamén contan con outros catro cabezudos, fabricados fai unha década en sendos obradoiros promovidos dende o centro sociocomunitario da terceira idade de Vilalba nas parroquias de Árbol e de Boizán. E aos oito autóctonos uniránse dous máis que chegarán dende Lalín, xunto a outra estampa típica, os xigantes.

«Desde a concelleira de cultura pensamos en recuperar esta tradición, que era moi importante en Vilalba», explica o edil José Antonio Pita, que igual que moitos outros vilalbeses, non é quen de precisar cantos anos poden ter os cabezudos, aínda que si que ten claro que son «moi antigos, teñen moitísimos anos».

Tantas primaveras, veráns, outonos e invernos, primeiro de uso e logo de obstracismo, fixeron que o Demo, a Negriña, a Bruxa e Drácula estivesen un tanto deteriorados, polo que os profesores de Plástica do Basanta Silva, Begoña Arias e José Luis Carrasco, están a restauralos coa axuda de algúns estudantes «aos que lles fai ilusión». E iso que a maioría «non sabían o que eran, nunca os viran e chamabanlles ‘cabezones’», din os mestres, que ven este traballo coma unha «experiencia interesante» para os alumnos.

«Botamos unha imprimación para endurecelos e limpalos, usamos unha pasta que é como o estuco para cubrir onde tiñan faltas, que logo se lixa para igualar a superficie e o seguinte paso será pintalos, intentando respectar as cores orixinais e usando pintura de exterior, para que poidan resistir a agua», resume Begoña.

«Son unha preciosidade, son de museo», engade Carrasco sobre uns persoeiros fabricados en Zaragoza hai moitos anos, pero que seguen a ter vixencia, porque aínda forman parte dos catálogo de cabezudos de comparsa que comercializa a empresa Aragonesa de Fiestas na actualidade.

Os cabezudos desfilarán por primeira vez o 9 de xullo e farano tamén nas festas de San Ramón

Para lograr o obxectivo final de que o Demo, a Negriña, a Bruxa e Drácula, unha vez restaurados, cobren vida, será fundamental a implicación da Escola Municipal de Teatro que dirixe Cristina Mariño. Os seus alumnos terán un papel activo nos actos «á vella usanza» do 9 de xullo, e serán eles os encargados de mimetizarse cuns cabezudos «que non poden faltar nunha festa de época». «Antes eran moi típicos», precisa Mariño, contenta de ter a oportunidade de experimentar «desde dentro como se usan, como se levaban».

E se estes catro entrañables cacholáns tiñan medo de ter que volver a un escuro recuncho logo dun momento de gloria efímera, poden estar tranquilos, porque o edil Jesús Vivero avanzou que «o Concello quere recuperar a tradición e volver sacalos no San Ramón deste ano». E poida ser que mesmo lles aumente a familia, porque a José Antonio Pita, que tamén certificou a súa presenza nas rúas vilalbesas polas festas, ándalle na cabeza facer un obradoiro para crear novos cabezudos.

Comentarios