Uns 20 artesáns galegos participarán na mostra, que inclúe talleres e demostracións

O programa da XVIII edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional segue a estela do cartel doutros anos, con música en directo, diversos obradoiros e demostracións e a presenza duns vinte artesáns galegos dispostos a amosar o mellor da súa arte, todo elo o pé da igrexa de Pardiñas.

A apertura da mostra está fixada para o sábado 6 ás 17.00 horas e media hora despois o gaiteiro Raúl Galego lerá o pregón e o artesán pontés Jaime Pena ofrecerá unha demostración de construción de palletas, a peza clave para conseguir que a gaita soe e soe ben.

O grupo de música tradicional Os Carunchos ofrecerá un concerto no escenario da mostra, que permanecerá, coma sempre, aberto a calquera intérprete que queira tocar e unirse á festa. Logo da súa actuación Oli Xiráldez, que participa na exposición con gaitas e requintas, impartirá un obradoiro de treboada.

O domingo 7 os postos da mostra de instrumentos poderanse visitar a partir das 11.30 horas. A primeira actividade prevista, en torno ó mediodía é unha demostración a cargo de Lois Mouriño e Xosé Tuñas do repertorio tradicional da zona de Compostela e da súa comarca.

Xa pola tarde, o pontés Jaime Pena repetirá a demostración de construción de palletas e Xavier Iglesias impartirá un dos clásicos desta cita, o obradoiro de baile tradicional para que o público da mostra poida executar uns pasos de baile sinxelos ó ritmo dos músicos que se soben ó escenario, coma por exemplo da orquestra Os Modernos, da que forman parte Xosé Tuñas e Lois Mouriño, que tamén contribúen á mostra con sendos postos de percusión e de instrumentos tradicionais, respectivamente.

Exposición

Este ano, xunto ós xa citados Pena, Tuñas, Xiráldez e Mouriño, a lista de artesáns presentes complétana Rebollo Instruments (Bueu), Presedo (Sada), a percusión e as gaitas de Chilro (Cambados), as trompas e os instrumentos tradicionais de Che Vázquez (Brión), ou as percusións de Foliqueiras (Vigo) ou Diego Langanika (Pontecaldelas).

Tamén estarán as zanfonas de Xaime Rivas (Vigo) e Xermán Arias (Sarria), os instrumentos de corda de Luis Martínez (Soutomaior) e Roi Quián (Pontevedra), os instrumentos de Xaneco, as requintas e percusións de Pablo Carpintero e as gaitas de Cristóbal Prieto (O Hío), Carlos Fandiño (Teixeiro) e Alfonso Castro (O Rosal).

Comentarios