Unir lazos a través da troula

Uns 15 veciños decidiron organizar a I Festa da Xuventude entre Aldeas en San Xoán de Alba, unha cita que «chega para quedarse»
Algúns dos organizadores da primeira Festa da Xuventude entre aldeas
photo_camera Algúns dos organizadores da primeira Festa da Xuventude entre aldeas

Din que non hai mellor maneira de xuntar á xente que por medio dunha troula. E iso foi precisamente o que artellaron uns 15 veciños de varias parroquias de Vilalba, coa organización da primeira Festa da Xuventude entre Aldeas, unha cita que se celebrará este sábado no campo de San Xoán de Alba, pero que irá rotando por outros, xa que «chega para quedarse».

«Cada vez queda menos xente nas zonas rurais, así que pensamos que sería bo organizar algo xuntos», din os promotores, que xa levaban coa idea na cabeza varios anos, pero non foi ata hai cousa duns meses cando comezaron cos preparativos.

Entre os organizadores hai veciños das parroquias de San Xoán de Alba, Boizán, A Torre e San Bartolomeu de Insua, con idades que van desde os 25 ata os 53 anos. Entre cafés e cervexas, este grupo de amigos, que pretende darlle un pouco de vida ás parroquias vilalbesas con menos poboación, pero con moitas ganas de festa, foron conformando o que será o programa, que estará dirixido a todos os veciños, «dende os cero aos 100 anos», din.

Para abrir boca neste día festivo entre aldeas haberá unha sesión vermú, amenizada polo grupo Fénix, que arrincará ás 14.00 horas nunha carpa cuberta cedida polo concello.

No mesmo emprazamento, Hermanos Debasa servirá un menú a base de polbo con cachelos, xamón cocido e churrasco, que terá un custo de 23 euros por persoa.

Na primeira edición participan Alba, Boizán, Torre e Insua, pero os promotores esperan que se sumen máis parroquias

«Os tiques xa se poden coller no bar Cascudo ou en Casa Alejandro», explican os promotores da cita, que contan con xuntar máis de 200 persoas nesta primeira edición. «E chegaremos ás cifras da Festa da Xuventude de Lanzós», pronostican, mentres confirman que en caso de que haxa xente suficiente tamén se servirá paella para a cea.

E é que a animación musical se prolongará ata ben entrada a madrugada, cunha verbena na que actuarán Fénix e o dúo Areal. «E pola tarde tamén teremos colchonetas gratis para os nenos e sorteo de agasallos», apuntan os organizadores, agradecidos con todas as casas comerciais que lles botaron unha man e que fixeron posible que esta festa sexa xa unha realidade.

Para esta primeira experiencia a organización correrá a cargo de catro parroquias, pero nun futuro, os ideadores desta iniciativa pioneira na comarca esperan que se sumen máis. «Gustaríanos que tamén se unisen Ladra, Belesar, Noche ou calquera das limítrofes», din uns veciños que teñen a festa metida no corpo.

Comentarios