A unificación de Chipre

Os mapas sempre dan moito xogo na xeopolítica. Ante todo, son prácticos: unha única ollada chega para facese unha idea bastante rápida de fenómenos complexos. Por exemplo, cales son as reaccións internacionais ante a secesión de Kósovo? O mapa resultante pode representar cunha cor aos países que recoñeceron a súa independencia, noutra aos que a rexeitaron, e nunha terceira a aqueloutros que, preocupados por este precedente, preferirían continuar as negociacións.

Un mapa así serve tamén para resumir algunhas das alianzas internacionais do momento, marcando a oposición entre os estados aliñados co proxecto euro-atlántico de Estados Unidos e da Unión Europea fronte aos partidarios do proxecto euro-asiático que tenta manter aceso a Rusia de Putin e Medvédev. Á marxe destes dous bandos fican as novas potencias emerxentes: China, India, Brasil, México ou Sudáfrica. A súa indecisión non é casual: serve para definilas, para diferencialas. Finalmente, só uns poucos estados reaccionan segundo a súa problemática concreta, como lle ocorre ao estado español, o único de toda Europa Occidental que non recoñece, por motivos evidentes, a lexitimidade da soberanía kosovar.

A Unión Europea é, sen dúbida, un dos grandes valedores desta independencia, funcionando como un auténtico padriño para este e outros novos estados europeos. Esta actitude intervencionista contrasta coa indiferencia interesada que amosa ante os conflitos internos dalgúns dos seus membros: Se tanto se loita en Bruxelas polos dereitos das poboacións oprimidas, como é que aceptaron o ingreso de Chipre sen presionar aos seus dous gobernos para que unificasen o país? Facendo unha comparación directa (e algo tramposa) faise evidente que a UE non trata igual aos albaneses de Kósovo que aos turcos de Chipre, aínda que neste segundo caso faise moi complicado xulgar os motivos dun bando e doutro.

Distintos padriños para distintos chipriotas
As cousas están así nun territorio con arredor dun millón de habitantes algo máis pequeno que a provincia de Lugo: o 70% desa poboación, de etnia grega, vive nun estado recoñecido internacionalmente e que forma parte da UE, mentres que o outro 30% da poboación, de etnia turca, vive nun estado que só recoñece Turquía. A boa nova para estas dúas comunidades enfrontadas é que o futuro presidente greco-chipriota está a prol da unificación. Dimitris Christofias, un comunista da vella escola, anunciou durante a súa campaña electoral que estaba disposto a recuperar o mesmo plan de Nacións Unidas que xa fora rexeitado en referéndum polos seus compatriotas. O seu predecesor, Tassos Papadopoulos, encabezara hai poucos anos unha oposición innegociábel a este plan, bloqueando un proceso que si aceptaba a comunidade turco-chipriota. Agora, coa derrota de Papadopoulos, que nin sequera pasou á segunda volta destas eleccións, Christofias recupera a posibilidade de reabrir o diálogo.

Mais por que hai dúas Chipres? Se a República Turca do Norte de Chipre non conta con máis valedor internacional que Turquía é porque no ano 1974 o exército deste país invadiu e ocupou as posicións que hoxe marcan a fronteira. Esta intervención foi ilexítima no sentido de que non contaba co acordo previo da comunidade internacional, do mesmo xeito que tamén era ilegal o golpe de estado que deron xusto antes un grupo de militares greco-chipriotas co apoio da Dictadura dos Coroneis. Unha pola outra: nun escenario tan conflictivo como este estaba en xogo a propia supervivencia estatal de Chipre, ameazada pola dobre tentación de unir a illa tanto a Grecia como a Turquía. Daquela, Chipre era un país moi novo, que viña de atravesar o seu proceso descolonizador xusto na década anterior, ao independizarse do Reino Unido en 1960, e que polo tanto aínda non tiña resolta a cuestión da convivencia entre as súas dúas comunidades: para a identidade dos cidadáns, a pertenza á étnia grega ou á étnia turca era algo moito máis importante entón que ter a nacionalidade chipriota.

Trinta e cinco anos despois hai outras circunstancias na illa, outros padriños. Grecia xa é un membro consolidado da UE, mentres que Turquía anda en tratos para entrar nela. Ningún destes estados quere apropiarse do territorio chipriota, mais seguen sentíndose responsabeis de defender ás súas respectivas comunidades. O labor da UE debería ser agora actuar como mediador entre elas e non tomar partido só por unha, como fixo ao admitir en 2004 namais que á parte grega. O triunfo electoral de Dimitris Christofias quizais axude a superar esta esquizofrenia, dándolle un novo sentido á identidade do país: máis consecuente coa súa diversidade e menos tributaria das vellas metrópoles.

Comentarios