Unicornio Azul

“Mi unicornio azul ayer se me perdió, no sé si se me fue, no sé si me extravió,y yo no tengo más que un unicornio azul…” Así reza unha canción de Silvio Rodríguez que podería falar de unha e tamén mil cousas pero que para min fala de esperanza. E iso é o que hoxe me gustaría entregar, ademais de quilos de alimentos e infraestruturas, ao pobo cubano.

Debe resultar difícil resistir á forza destrutiva de dous furacáns en escasos oito días. Debe resultar desolador ver o teu país devastado, a túa casa feita entullo, a túa fábrica e a túa leira asolagadas. Debe doer moito ver os teus fillos espidos e non ter nada que darlles de comer. Pero máis desolador ca todo iso debe ser o silencio internacional.

Ver que non pareces importarlle a ninguén e que zonas menos danadas reciben todo tipo de mimo mediático e financeiro. E que cando pides a Estados Unidos que permita mercar alimentos e materiais para a reparación de vivendas e liñas eléctricas che diga que non. Que obteñas como resposta unha ratificación sen contemplacións da súa política de bloqueo económico e financeiro, a pesar do drama humanitario. E que todos calen. Sempre resultou difícil ser cubano. Hoxe máis que nunca. Non poderá alguén atopar o seu unicornio azul?

Comentarios