domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Éxito absoluto dunhas San Lucas para recordar

A xente acudiu en masa ao día grande da feira mindoniense, en cuxo mercado participaron uns mil animais e aumentaron as vendas

A cidade episcopal esperaba un cheo absoluto no día grande das San Lucas e así aconteceu coa chegada de centos de persoas que ateigaron o campo da feira durante toda a xornada. Non defraudou o mercado gandeiro, que reuniu uns mil animais e rexistrou boas vendas, segundo comentan os organizadores.

Os primeiros tratos xa se fixeron o sábado á noite "porque os profesionais xa estaban alí", comenta Antón Vázquez, da asociación de criadores de pura raza galega (Puraga), que colabora na cita. "As vendas nos últimos anos estaban moi mal, pero imos indo un pouco mellor", asegura, especialmente entre os que mercan para carne.

A entrega de premios da feira comezou cunha homenaxe simbólica aos gandeiros que baixaron as bestas do monte ao xeito tradicional, que son Luciano García, María del Carmen Rivas e Tania Pérez. A continuación entregáronse ata 37 premios, entre eles o de maior número de cabezas para Luciano García -que tamén levou o de mellor cabalo galego-; o de mellor grupo de 25 cabezas para Ricardo Veiga, a mellor égoa galega para José María Costa, o mellor cabalo árabe para Adrián Mariño, ou o mellor cabalo de silla, para Juan José Iglesias.

Na entrega de premios participaron, entre outras autoridades, a nova conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o presidente da Deputación, Darío Campos. A alcaldesa, Elena Candia, que antes recibiu no salón de plenos á corporación de Ferrol con motivo do acto de irmanamento, sinalou que a avaliación da festa "é moi positiva, xa que había moitísima xente en todas as actividades". Tamén estaba moi satisfeito o presidente da comisión organizadora, Miguel Souto, quen sinalou que "o feiral estaba ateigado de xente, non se daba andado, e todo o mundo quedou satisfeito, tanto os vendedores como os visitantes. Están sendo unhas San Lucas moi exitosas", apuntou.

Xa pola tarde foi o cuarto concurso de cabalos trotóns, no que participaron 27 animais, segundo comentou Miguel Paz, outro dos organizadores. Entregáronse oito trofeos, cinco deles con premio en metálico, que foron para Jaime Carro coa súa égoa Mulata; Darío Casas, con Bandolero; Toñito, con Milú; Daniel Fernández, con Moro, e Adrián Sixto, con Shakira. A isto seguiu o espectáculo ecuestre de doma a cargo da escola da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Ademais dos cabalos, a música foi o outro elemento principal do día grande das San Lucas, que tivo como pratos fortes os concertos de Los Secretos e Sés. Fania e Jerusalén amenizaron a verbena.

CORTE DE LUZ. Un corte de luz que nalgunhas zonas durou dende antes da medianoite do sábado ata as seis da mañá de onte trastocou a actividade festiva, xa que algúns bares quedaron sen suministro eléctrico, ao igual que os postos do recinto feiral que non tiñan xeradores. Segundo comentan dende Protección Civil, o corte puido deberse a unha avería nun transformador.

Éxito absoluto dunhas San Lucas para recordar
Comentarios