Una vida entre fogones

A cociñeira do Ceip A Magdalena das Pontes, Asunción Antón, despediuse dos seus compañeiros despois de 37 anos de servizo
Asunción Antón (no centro con chaqueta azul), arroupada por mestres e o persoal non docente do Ceip A Magdalena o día da súa despedida.
photo_camera Asunción Antón (no centro con chaqueta azul), arroupada por mestres e o persoal non docente do Ceip A Magdalena o día da súa despedida.

Non tiña formación nin experiencia no mundo da cociña, pero atopou a súa oportunidade laboral entre os fogóns con 28 anos. Hoxe, con 65 e 37 de servizo no comedor do Ceip A Magdalena das Pontes, Asunción Antón dálle a benvida a xubilación despois de encher o bandullo de varias xeracións de ponteses.

Entrou na cociña do centro educativo como axudante, unha vez que a anterior traballadora casou e deixou o posto baleiro. «Os comezos recórdoos cun comedor ateigado de nenos», lembra Asunción, que por aquel entón tiña que alimentar a «350 alumnos». «As cousas cambiaron moito, pero para mellor», puntualiza a cociñeira, ao tempo que recorda que adaptarse a preparar comidas en cantidades industriais non foi difícil.

«Adapteime ben. O traballo na cociña dun colexio non é coma nun restaurante. Temos os menús, un instrumental axeitado e acabas acostumándote pronto», di Asunción, que ten entre os seus pratos estrela para os máis pequenos a pizza, o raxo con patacas ou a tortilla. Aínda que esta muller que afronta a xubilación con bo talante, apúrase en confirmar que os nenos «comen de todo, incluso ensaladas, só co peixe poñen algo de problemas».

Nestas case catro décadas de traballo, Asunción tivo a oportunidade de tratar con decenas, centos de cativos. «Coñezo a moitos rapaces, de feito xa lles fixen a comida a fillos e netos de antigos alumnos do centro», comenta, agradecida porque todos eles lle mostran o seu cariño cando se reencontran polas rúas do pobo ou en calquera outro recuncho.

«Os alumnos que están agora no colexio cando me ven pregúntanme cando vou volver -deixou a cociña no mes de febreiro- e iso faime ilusión», di esta veciña das Pontes, que tamén recibiu a homenaxe dos mestres do centro e do persoal non docente co que coincidiu durante a súa estadía no colexio.

Ese merecido recoñecemento chegou cun xantar de amizade nun restaurante pontés, no que a homenaxeada recibiu máis dunha sorpresa e agasallo.

«Estou moi agradecida aos meus compañeiros, sempre se portaron moi ben comigo, somos unha gran familia», resume Asunción, que pensa dedicar todo o tempo libre que terá a partir de agora ás súas netas e a coidar da súa nai.

«Aínda así, volverei de visita polo colexio sempre que teña ocasión», di a cociñeira que alimentou durante case 40 anos os corazóns dos estudantes do colexio da Magdalena.

Esta veciña pontesa, nacida na Vilavella, encheu o bandullo de varias xeracións de rapaces que lle gardan moito cariño

Comentarios