Un viaje desde el instituto hasta el pasado

Alumnos do IES da Terra Chá de Castro e do Basanta Silva de Vilalba coñeceron a historia local no castro de Viladonga e en Santaballa
Alumnos do IES da Terra Chá participando no obradoiro de Pablo Mazoy
photo_camera Alumnos do IES da Terra Chá participando no obradoiro de Pablo Mazoy

Achegarse á historia pode facerse a través dos libros, pero tamén poñendo os pés e os cinco sentidos naqueles lugares que axudaron a marcar o devir dun pobo. E iso foi o que fixo o alumnado do IES da Terra Chá Xosé Trapero Pardo de Castro de Ribeiras de Lea e do IES Basanta Silva de Vilalba coas súas respectivas visitas ao Museo do Castro de Viladonga e á parroquia de Santaballa.

Un grupo de 33 estudantes de terceiro de secundaria do instituto de Castro percorreron a Ruta do Azúmara, onde hai ata os restos dunha mina de arsénico e que ten como punto de partida a o xacemento de Viladonga. Alí, poideron familiarizarse coa historia dos castrexos, tanto a través das recuperadas construcións do castro como de todas as pezas que se conservan e se expoñen no museo, e que permiten ter unha idea clara de como vivían, comían ou vestían fai uns 2.000 anos.

Como agasallo extra, os rapaces tamén poideron participar nun obradoiro de cerámica de Barro en Vivo, que lles permitiu modelar diferentes pezas ao seu antollo que logo conservaron ou regalaron. Para as súas casas levaron floreiros, borralleiros ou cuncas deseñadas e decoradas por eles mesmos.

«Con este taller se impulsa la imaginación y la creatividad, ellos van a hacer lo que más les guste», explicaba Pablo Mazoy, un dos responsables dun obradoiro que se despide mañá e polo que, ao longo deste mes, pasaron uns 500 escolares de primaria e secundaria.

En Vilalba, o destino de 120 rapaces e alumnos de primeiro de secundaria foi Santaballa, parroquia na que pasaron o día descubrindo distintas época da súa historia e de toda a zona.

Da man do director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Eduardo Ramil, percorreron unha parte do Camiño das Señardades, con paradas na Medoña de Estelo ou no abrigo prehistórico de Pena Grande, ademais de visitar varios antigos muíños, hoxe abandonados pero que non hai tantos anos lle resultaron moi útiles aos veciños.

Unha vez completado o percorrido, retornaro a escola habanera da Liga Santaballesa, onde realizaron unha visita guiada para descubrir como era unha aula de hai case un século ou a contribución dos indianos a mellorar a cultura e a educación nos seus lugares de orixe.

Uns xogos tradicionais, unha comida de confraternidade ou unha charla a cargo de Eduardo Ramil sobre as diferentes etapas históricas que se poden aprezar en Santaballa ou en Vilalba completaron esta xornada lúdica dos estudantes vilalbes, incluída no amplo programa de actividades do Maio Cultural programado polo centro educativo.

Comentarios