Unha vela a Deus e outra ao demo?

HAI DECLARACIÓNS que, de se teren producido como reflectiu Europa Press, merecen unha glosa. Refírome ás do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, en Radio Nacional de España, verbo do galego. Léndoas, dá a impresión de que son consecuencia de lle querer poñer unha vela a Deus e outra ao demo porque, doutro xeito, non se entende tanta incoherencia.

Afirma que «hai perigo de quebra de transmisión xeracional» da nosa lingua e di que pode ter «consecuencias a medio prazo negativas». Porén, segundo o persoeiro, isto non é motivo de «alerta nin de emerxencia». É evidente que non hai perigo de quebra, senón quebra. E as consecuencias xa están aquí. Non hai que ser catastrofistas; mais, abonda con achegar a orella para escoitar o que fala a maior parte da xente, sobre todo a nova. Isto é motivo de alerta para quen se preocupe polo futuro do noso idioma, como os resultados dunha analítica poden advertir dalgunha doenza.

Claro que para iso xa propón Villares un remedio: «O galego vai ter solución, vai ter futuro, o que pasa é que temos que cambiar o diagnóstico sobre el». O diagnóstico? Abofé que diagnosticado está e, se ben é certo que goza de boa saúde literaria, unha especie de macrocefalia se serve o símil, padece unha caquexia -debilidade extrema- no corpo, sobre todo nas pernas e nos brazos, que son os que máis teñen a ver co movemento. E tamén a etioloxía da doenza está localizada, aínda que moitos informes obvien un aspecto importante: a falta de vontade política para acabar con ela.

Tamén diso fala o presidente do Consello da Cultura: «Hai que retirar o galego do debate político». E logo onde o colocamos? Non é a política, como o profesor Villares sabe mellor ca min, construción do pobo? A lingua non fai pobo? Non querería referirse ao debate partidista? Aí si que non lle falta razón. A nosa lingua ten que ser de todos ou non é nosa. No momento en que ese pensamento impere, en que, como el di, «falalo sexa normal» -velaí a nai do año-, sobrará o debate.

Que quixo dicir ao desexar «que se fale porque se cree que é bo, pero non porque se está a favor ou en contra»? É posíbel que respondendo esta pregunta exhaustivamente se obtivese todo un tratado de sociolingüística. Desde logo, con tanto vento en contra, quen o falamos facémolo porque estamos a favor e, como non somos masoquistas, porque acreditamos en que é bo. Non o cremos, non é cuestión de fe.

Ando, xa ven, como diría algún xornalista desta casa, facendo amigos. As miñas palabras non terán unha transcendencia semellante ás de alguén tan autorizado, mais dítamas o amor que, Barthes ‘dixit ’, queima.

Comentarios