Unha unión moi fructífera

A colaboración entre o Concello de Meira, a cooperativa Bico de Grao e A Estruga para organizar actividades está a ser un éxito
Curso de horta ecolóxica familiar
photo_camera Curso de horta ecolóxica familiar

O Concello de Meira, a cooperativa de traballo asociado Bico de Grao de Lugo e A Estruga de Viveiro uniron forzas este ano para ofertarlle aos veciños de Meira un amplo programa de actividades formativas que está a resultar todo un éxito.

O mellor exemplo, o pleno de asistencia que logrou o obradoiro sobre horta ecolóxica familiar desenvolvido esta fin de semana, no que se cubriron as 20 prazas dispoñibles, tal e como pasou ata o de agora con todas as propostas froito desta colaboración.

«Había interese por parte dos veciños, pero era un problema ir a Lugo», lembra Yoani Jartín, a responsable da oficina de turismo meirega, quen explica que se chegou a un acordo mediante o que o Concello facilita os medios e as instalacións, Bico de Grao fai de intermediario cos docentes e nalgún caso, as súas socias asumen as clases, e A Estruga pon a experiencia para pór en marcha obradoiros nos que se tenta ter «un pouco de todo, cousas prácticas ás que se lle poida sacar partido», conclúe Yoani.

«Son actividades para todo o público, coa ecoloxía sempre presente, vén xente de toda a zona e tentamos amosarlles que se pode traballar doutra maneira, con máis puntos de vista que o comercial», di a técnica de turismo.

Nese cometido xoga un papel fundamental Bico de Grao, unha cooperativa formada por tres socias, Amaia Santamarta, Marta Pérez e Vanesa Ríos, que a súa vez se sutenta en tres piares. Contan cunha tenda na que comercializan produtos ecolóxicos a granel, alimentación, xoguetes, libros ou artigos de hixiene; a través de Fíxeno Eu, Vanesa fai bonecas con material reciclado; e as actividades, para o que teñen un local, onde organizan actividades elas mesmas ou promovidas por outras entidades.

«Xurdiu a posibilidade de ir fóra, coma no caso de Meira, e parecéunos unha boa idea para descentralizar», explican en Bico de Grao, onde ven «moi positivo» o camiño emprendido nesta localidade, tanto pola organización de Yoani Jartín como pola acollida que están a ter as actividades.

No que vai de ano xa promoveron cursos de poda, conservas, enxertos e horta ecolóxica familiar, así coma un obradoiro de fotografía. E teñen pensado seguir. O máis inmediato será un curso de plantas silvestres e medicinais e xa pensan nas setas de cara ao outono.

Comentarios