Tradición forxada a lume

A Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto congregou a miles de persoas e pon as miras na declaración de Interese Turístico Galego

Día de festa, de tradición e de emocións este domingo en Riotorto, onde a Feira da Artesanía do Ferro volveu encher a localidade de milleiros de persoas que gozaron coas actividades programadas, con especial interese nas demostracións en vivo dos ferreiros do municipio e tamén dos convidados do Corgo, Santiago, Navarra e mesmo Austria. O tempo respectou e o día deu para todo: ver os obradoiros dos ferreiros e do carbón vexetal, asistir ás demostracións de oficios de pirogravado, alfarería, tear ou torneado, gozar do concerto de Roi Casal ou asombrarse coa maxia de Deimi. Non faltaron as compras de coitelos, plantas para a horta e mil e un artiluxios que alí se atopaban, pero sobre todo foi unha xornada para reivindicar a posta en valor deste oficio tradicional.

Así o expresou o presidente da Asociación de Ferreiros de Riotorto, José Mario Cabo Jardón, quen non puido evitar emocionarse ao lembrar o traballo que facían os seus pais e avós, dos que herdaron a tradición os poucos ferreiros que hoxe quedan no municipio. "Eran tempos difíciles onde había que traballar sen mirar o reloxo para sacar adiante a familia e a pesar diso había uns grandes artesáns. Eran uns artistas", aseverou. A eles dedicou esta décima festa e pediu "que dure máis anos e que haxa unha xeración que continúe esta tradición tan fermosa".

O pregoeiro, José María Besteiro, produtor da serie ‘Libro de familia’, fixo unha emotiva lembranza da súa infancia en Riotorto, un lugar no que foi feliz. "Medrei dentro dun conto de fadas", afirmou o ilustre veciño, que lembrou con especial cariño aquelas cousas que aprendeu dos avós, a máis importante, "que hai que soñar moito e ben os soños para que logo se fagan realidade". Falou tamén da tradición ferreira do concello: "Todos os que nacemos aquí levamos un ferreiro dentro. O mazo forma parte da banda sonora da nosa vida, é un cordón umbilical que nos une para sempre con esta esquina do mundo onde o vento dá a volta e se escoita o silencio", dixo.

APOIO INSTITUCIONAL. O alcalde, Clemente Iglesias, apuntou que a cita se convertiu nun "referente autonómico cunha enorme repercusión para o municipio", e cre que pode ser merecedora do título de Festa de Interese Turístico Galego, polo que iniciarán os trámites. Ademais apostou por potenciar "unha canle de distribución conxunta para aumentar os beneficios dos ferreiros".

Tamén acudiron a delegada da Xunta, Raquel Arias; a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez; a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía, Elena Fabeiro, e o presidente da Deputación, Darío Campos, quen animou "a seguir traballando e promovendo este oficio" que converte Riotorto nun enclave singular.

Comentarios