Un paseo por la edad de hierro

Cómache o demo a alma. Velaí o máis terrible xuramento que lle poden botar a un na terra de Miranda. Unhas palabras conxuradas polos habitantes da Galicia de Maeloc que encrespan os pelos da caluga e que lle acaen de marabilla a calquera novela gótica; por poñer un caso, ‘As crónicas do Sochantre’. O poder evocador deste dito, escoitado de neno na casa do Moirón, en Cachán, chega para prender historias de imaxinación desaforada nos miolos dalguén como Álvaro Cunqueiro.

Palabra do escritor: «Na casa dos meus avós en Riotorto ouvía as historias durante esas noites longas e puiden adequerir certas habelencias para contar», recolleu unha entrevista para a revista Grial. A do Moirón, aínda que perdeu as magníficas galerías de madeira, garda aínda a feitura de casa grande e pódese ver a carón do centro histórico, pintada de branco, xunta a gasolineira. A asociación Arrincadeira plantará mañá á tardiña unha figueira, que era a árbore que Cunqueiro mecanografou á porta da vivenda da raíña viúva Xenebra e do señor Merlín.

As pegadas fidalgas de Riotorto -a desta terra é unha historia de traballadores do ferro e sindicalismo agrario- quedan practicamente confinadas nas Rodrigas, que é como lle chaman os do lugar ao centro urbano. Alí están a casa do Carrao, a casa da Rancaña, a casa de Bermúdez... Caeu xa a casa da Pizca, onde lucía o escudo de armas dos Montenegro.

O berce materno de Cunqueiro abárcase dunha ollada se un elixe ben o punto de mira. Pode ser a cuíña na que resisten a igrexa vella de San Pedro e o campanario. Separados templo e torre, como na Costa da morte e nas terras dos normandos.

Ningún indicador prohíbe ascender ao curuto do campanario, de 1762 e disque co rostro do canteiro retratado nunha das beiras. Pero vaia con ollo: os banzos da escada de caracol están desgastados polo centro de puro vellos e cómpre ter coidado para non levar un moquetón na cachola. A baixada é aínda máis delicada.

Xa no alto, ademais de medrar o pirixel entre as laxas, aprézase o curso do río Torto -fai falla explicación?-. Tamén a silueta de espazos coma o castro da Croa, de onde procede un dos brazais castrexos custodiados no Museo Provincial de Lugo, pero que está sen escavar.

Un paseo fluvial recentemente inaugurado sérvelles aos riotortenses de ruta do colesterol e, á hora dos viños e na sobremesa, o tute é deporte nacional no bar Al Volante, un lugar onde se berran os «éntralle aos bastos!» coas mesmas ganas que as paradas de Íker Casillas ou os desembragues de Fernando Alonso.

Se quere levar un recordo da súa visita pola zona esqueza as camisolas esas de ‘Estiven nas Rodrigas e lembreime de ti’. A bo seguro que o receptor fica moito máis contento cuns chourizos do Mazo ou unha torta de Riotorto, que é «coma de Mondoñedo, pero máis rica», din os indíxenas. Fainas Irma, na confitería de igual nome que está situada no centro da vila, e son de masa follada, améndoas, cabelo de anxo e froita confitada.

Hai tamén nas Rodrigas un anticuario, Antigüidades Potes, e tal como vai o mundo, ao mellor calquera día lle atopa utilidade a un ‘foucín’ dos que forxan os ferreiros de Riotorto. Os deste municipio, que ata figuran no escudo, son os ‘rolls royce’ dos fouciños. Cen por cento de tracción animal, viaxaron os fouciños de Riotorto durante décadas ás segas de Castela e os seus portadores eran mirados con envexa polos demais temporeiros, que optaron por compralos.

Nas Rodrigas houbo un día un cine, pero agora os carteis pegados de Hermo, El Recreo e Rosalar nas farolas contan que o ocio dos máis novos vai por outros barrios.

Iso si, cada quince días o campo da Veiga asiste a unha final pola permanencia e en Santa Marta de Meilán, cada tres semanas, faise realidade un «soño» que os patróns da parroquia argallaron un día que ían en autobús cara a Coruña a un cabodano: a liga provincial de bolos.

Os de Santa Marta son líderes e conta Toño, perfectamente uniformado como Moisés e Anita, que ao mellor se xogan o campionato en Meilán o último domingo de maio. Comeza a disputa a iso das tres do serán e prolóngase a liza ata que se mete a noite, entre aplausos e o petar das madeiras de buxo coas que se confeccionan os bolos: coma balas, os oficiais da federación; barrigudos, os propios de Riotorto.

Do mesmo xeito que a grei de tiraboleiros de ‘O gran Lebowski’, os de Santa Marta teñen feito dos domingos na boleira un xeito de estar xuntos e buscarlle proveito ás tardes de primavera. A de Meilán é unha boleira nova, con vistas inmellorables, que fixeron cabo da igrexa -interesante o papaventos de forxa-, o camposanto e a escola remozada en centro social. Contan que había tamén boleiras de vello noutros puntos do municipio, como o Vilar de Santiago, A Muxueira ou a Órrea.

Da arquitectura tradicional de Riotorto chaman a atención dos lugueses meridionais e mesetarios os hórreos -cabozos- ergueitos sobre pés altísimos que deixan pasar o ‘camín’ por baixo nos casos máis estremeiros. Na parroquia da Órrea, que foi un municipio independente e que ao igual que Galegos queda na área de infuencia da Pontenova, os cabozos son de planta cadrada e con tellado a catro augas, semellantes aos de Taramundi.

Hai no municipio núcleos de tipismo rural coma o Vilar de Santiago e resultan interesantes en Meilán o cruceiro e unha casa grande das de pombeiro e chemineas cónicas con volutas. Existe un Riotorto dos vales, ao abrigo da serra de Meira e da cordal cantábrica. O outro é o do Folgueiral, o Carracedo e a Cruz da Cancela: o berce dos neboeiros que lle dan munición a un pasto que medra como en ningún sitio a costa das horas de sol. Se o día está completamente claro -pasa pouco, a verdade- albíscase desde os cumios a ría de Foz e escoitáse o bater do Cantábrico.

E non se fala aquí de ferro? Pois si. Contan que entre a fraga de Ferreiravella e o mazo de Bastián, na parroquia de Espasande de Abaixo, funcionou algún día o meirande conxunto ferreiro do norte da Península. Preto de corenta moas, cinco muíños, os devanditos dous mazos e unha central hidráulica.

A ruta do ferro de Riotorto é un deses proxectos inacabados. O camiño pedestre que percorrería o río de Ferreiravella, que foi o sangue de esta industria, é en moitos puntos de tránsito dificultoso.

Porén, na fraga de Ferreiravella está reconstruído o mazo e acondicionado o bosque de ribeira da contorna, co brión que amortigua os pasos, o seto de estilo inglés perfectamente recortado e mesados á sombra para levar a merenda. As fins de semana e os días santos, previa reserva, o mazo move auga como no século XIX. Non semella caro pagar dous euros por una viaxe de dous séculos.

PARA COMER

  • O Mazo de Ferreiravella: menú do día, de fin de semana, carta e habitacións a carón do conxunto etnográfico. 648265912.
  • Casa Rodil: casa de comidas no centro urbano. 982346550.
  • A Taberna de Montse: En Órrea, no quilómetro 50 da N-640. Comidas caseiras, de menú e por encarga, ao redor da cociña de ferro. 699829155 e 982330037.

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios