Unha porta á intrahistoria

Helena González afirma, con humor, que se adica ao sector do turismo. Ela viaxa a diario entre arquivos diocesanos, históricos e rexistros civís para proporcionar aos seus clientes a viaxe no tempo e no espazo que supón coñecer a súa historia familiar.
Helena González, no Arquivo Histórico de Lugo
photo_camera Helena González, no Arquivo Histórico de Lugo

UNHA mestura extraña entre Jules Verne, Paco Lobatón e Agatha Christie. Así se definíu Helena González na gala do programa de coworking posto en marcha polo Concello de Lugo e a EOI, o pasado mes de xuño. Tamén engadíu, coma se dun xogo de adiviñanzas se tratara, que se tivera que clasificar a súa actividade, sería a do turismo: "Ofrezo viaxes moi especiais polo espazo... e o tempo".

Helena González é xenealoxista. Por iso a empresa que xestou chámase Bisagras de papel. Bisagras, porque o seu concepto de xenealoxía tomaría a forma "dunha porta ou xanela que se abre para descubrir o que estaba agochado". Papel, porque para facelo traballa, sobre todo, con documentos que certifican a historia que as familias coñecen... ou descoñecen.

A emigración, a memoria histórica ou as mulleres silenciadas son algúns dos temas recorrentes das súas investigacións

O seu labor é buscar tamén o nexo entre as pezas, construír bisagras entre o que nalgún momento se separou ou silenciou dentro do sistema familiar. Esas bisagras tamén conectan o persoal co político, e temas como a emigración ou a memoria histórica son recorrentes nas súas investigacións.

Un nome dun lugar, unha data de nacemento ou un alcume familiar poden ser o cabo dun nobelo que demora aproximadamente tres meses en desintricar. Ás veces, esas puntas conectan dous lados do océano, coma os varios que tivo ao longo deste ano, de netos ou bisnetos que dende Arxentina ou Cuba quixeron saber máis da súa familia galega. "Moitas veces estas persoas, que sinten a necesidade de pisar a terra dos seus ancestros, pensan que con saber o nome do lugar de onde eran é suficiente para obter máis información, pero isto non adoita ser tan doado, en parte pola propia configuración da xeografía poboacional galega", indica. Neses casos, ela tamén sirve de apoio e asesoramento, para que os familiares teñan toda a información posible antes de realizar a viaxe, ou que incluso esa viaxe lles permita contactar con familiares desta beira dos que non coñecían a existencia.

Nas radiografías que Helena González fai dos organismos familiares tamén é posible ver as fendas causadas polas feridas da Historia. Casos de persoas que foron fusiladas, encerradas en campos de concentración, ou que fuxiron e das que nunca se tivo máis novas, orfos e viúvas de represaliados, soldados que morreron na división azul, expedientes de exclaustración da desamortización... son algúns dos casos cos que se atopa. Fíos que, co seu traballo en paralelo coas familias, volven integrarse dentro dese novelo, desa intrahistoria.

É neste sentido que o traballo de Helena González ten unha función reparadora. "Hai xente que pensa que non ten sentido escarabellar no pasado, pero eu creo que te pon no presente, e na vida", indica. "Diversos estudos falan tamén dunha transmisión transxeneracional do trauma. Cando algo non se fala pode ter consecuencias nas seguintes xeracións", indica.

Por iso, un dos seus lemas é que "a xenealoxía dá alas". Falar dos tabús que excluíron determinadas partes da historia tamén é un exercicio de memoria preciso, e "cargado de futuro", di Helena citando a Gabriel Celaya. "As enfermidades mentais, os suicidios, os fillos fóra do matrimonio, os incestos, as crises posparto... son cousas das que as familias nunca contaban toda a verdade", indica, pero sabela outorga unha posibilidade de mirar doutro xeito á historia familiar.

Neste sentido, tamén unha ollada de xénero pode aportar moita luz. "Así como os apelidos das mulleres tenden a desaparecer -por sorte hoxe hai a posibilidade de elexilos-, tamén moitos dos traballos das mulleres quedaban en silencio. Cando se fala de profesións, atopámonos coa descrición sus labores, ou las funciones de su sexo. A miña avoa, por exemplo, emigrou a Cuba moi noviña e traballou moitos anos no servizo doméstico. Alí coñeceu ao meu avó e montaron unha tenda de ultramarinos, pero nos seus papeis figura sus labores. Traballou toda a vida e nada diso figura nos papeis", conta.

Por iso, o traballo de memoria oral é parello á viaxe que tamén fai Helena González por rexistros civís, arquivos históricos e diocesanos ou hemerotecas. Así, se a xenealoxía tradicional, como ciencia auxiliar da Historia, céntrase sobre todo na heráldica, Helena González propón un achegamento máis cercano, unha xenealoxía da intrahistoria, que poda proporcionar unha aproximación á vida dos antepasados.

Ás veces, quen acude a ela só quere facer un mapa da súa familia, que sirva incluso como agasallo. Así empezou a propia Helena, tirando do fío do apelido so seu pai, pouco común na súa terra. Ela tamén resoulveu a adiviñanza, pero a súa viaxe levouna máis lonxe do que pensaba, tan lonxe, aquí.

Comentarios