Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Unha ponte dos Ancares ás Seychelles

Alejandro Castro e Laura Barral, no Centro Superior de Hostelería de Galicia
Alejandro Castro e Laura Barral, no Centro Superior de Hostelería de Galicia
Alejandro Castro, un mozo de 23 anos de Becerreá, marcha a unha illa do Índico para supervisar o restaurante dun hotel de luxo

Alejandro Castro naceu en Becerreá hai 23 anos e está facendo as maletas para marchar ao outro extremo do planeta. Leva unha misión moi concreta: poñer orde nas illas Seychelles.

Formouse en xestión hoteleira no Centro Superior de Hostelería de Galicia e, aínda que é moi novo, xa ten tempo de experiencia no sector. Agora terá que demostrar o bo facer da xente dos Ancares e a súa man esquerda para supervisar que todo funcione como é debido no restaurante dun hotel de luxo no medio do océano Índico.

A tarefa non é doada, pero os responsables da cadea Kempinski confían en Alejandro Castro para levala a cabo, pois xa demostrou a súa valía noutros hoteis da firma, como no seu último destino, en Estepona.

Agora terá que esmerarse para ofrecer o servizo que require un hotel de luxo de cinco estrelas nun destino tan esixente como as illas Seychelles.

Este profesional de Becerreá terá que controlar ata o último detalle para que no restaurante non falte nada e todo funcione á perfección. Da súa man terá desde as compras e control de gastos ata o servizo de camareiros. Todo debe estar coidado para ofrecer a atención exclusiva que demandan as persoas que elixen este destino para desconectar do mundo.

Alejandro Castro será, neste caso, quen traballe para que os clientes descansen. Nesta aventura acompáñao Laura Barral, da Coruña, outra profesional da hostelería coa que compartirá destino polo menos nos próximos dous anos.

PLANS DE FUTURO. De momento, a intención do mozo de Becerreá é "viaxar, seguir avanzando na formación e na situación dentro do sector, pois é difícil acceder a postos directivos". Aínda que o camiño é longo, ten clara a dirección: "Quero dirixir un departamento de alimentos e bebidas. Con iso sentiríame realizado", pero ten claro que ata chegar a ese destino haberá outras paradas.

Afronta con ilusión o traballo no estranxeiro e o reto de superar unha nova etapa laboral dálle azos, pero non perde a perspectiva. "Quero voltar. Non sei se poderá ser aos Ancares, haberá que valorar as oportunidades, pero a Galicia seguro", di sen dúbidas.

Cando se lle pide que soñe, aos seus 23 anos di que se ve "abrindo algo, un restaurante". É o que máis lle atrae neste momento, aínda que non pecha ningunha porta. Formouse en xestión hoteleira e tivo contacto coas áreas de servizos, cociña, aloxamento, recepción, xestión de departamentos e dirección. Despois de todo iso, decántase pola restauración e no seu próximo destino terá ocasión de perfeccionar as dotes de mando nesa sección.

Alejandro Castro e Laura Barral están listos para marchar en calquera momento. "É cuestión de días, estamos á espera dos billetes de avión", apunta o rapaz. Por diante teñen dous anos de traballo intenso, pero cheo de ilusión, e prometen voltar "en canto teñamos vacacións".

Unha ponte dos Ancares ás Seychelles
Comentarios