Unha persoa normal

UNHA persoa normal, un home educado, bo veciño e servizal, se me apuras algo reservado, pero moi traballador, agarimoso cos seus. Boa xente. Unha familia normal». «Nada facía pensar que fose acontecer algo semellante. Non damos crédito». O primeiro ben podería ser o retrato robot dun criminal que executa a violencia, desgraciadamente cotiá, contra as mulleres. O segundo, un estado de opinión. E o meu artigo de hoxe un deja vu triste, desalentador e ao tempo indignante, como tamén o son as agresións cometidas por varóns que manchan de sangue o calendario.

Cando o crime acontece preto o tempo semella conxelarse. A proximidade singulariza a dor e provoca unha atracción cara a á información na procura de calquera sinal que poida achegar, no medio frases feitas e morbo, unha explicación. Os discursos repítense, neutralízanse e baléiranse. Cando se produce o asasinato por razóns de xénero dunha muller -ou de máis- a violencia colle forma humana, nomes e apelidos, e espanta. Non obstante, ninguén repara nela cando convive con nós na vida diaria, cando a vemos en xestos, en palabras e en miradas que se cruzan nos espazos que compartimos, en ocasións de preto, con xente normal. Ninguén repara tampouco nela nas bromas, nos clixés que se reproducen na comedia continua da televisión, nin nos discursos públicos en canto se crea unha situación minimamente distendida, nin moito menos na que en ocasións encerran disposicións, textos legais e borradores como o que agora anda na boca da xente e que despreza o papel da muller na súa decisión sobre a propia maternidade. A violencia semella invisíbel, unhas veces baixo o manto do humor, outras baixo o do poder, e sempre baixo o dunha naturalidade pouco amiga de perdoar a diferenza.

A violencia é un monstro deforme que se alimenta do que come ou do que lle damos de comer. No caso da exercida contra as mulleres, resulta imposíbel non ver nela un reflexo da consideración que unha parte da sociedade ten do xénero feminino, e unha consecuencia do grao de tolerancia que o poder está disposto a fixar. Nun país hipersensíbel as declaracións que rocen temas tabú, e ocórreseme como exemplo o do nacionalismo independentista, a tolerancia contra calquera forma de violencia de xénero debera ser igualmente cero. Non me refiro a palabras póstumas, sentidas e solidarias, senón aos piares legais e éticos que terían que sustentar unha sociedade que se quer civilizada e moderna. Unha sociedade que tería que vixiar moi de preto as consignas violentas, aínda que estas veñan da suposta liberdade de prensa da que fai gala unha editora relixiosa. E unha sociedade que tería que velar por unha verdadeira igualdade entre os xéneros en lugar dunha ‘pax xenérica’ entre persoas normais, a todas luces fracasada.

Comentarios