Unha paella ben condimentada

CHA0305P5F4.JPG
photo_camera CHA0305P5F4.JPG

Cincuenta quilos de arroz, 30 de polo e outros tantos de costela, 15 quilos de calarames, 15 de rape e 15 de pota, gambas, pementos, almexas, cebola... son os ingredientes que lle deron forma á paella xigante cociñada por Pacucho e Petróleo na segunda festa dedicada á este manxar que organizou a sociedade cultural e recreativa da parroquia xermadesa de Momán.

E se a paella foi o elemento clave dunha comida popular que xuntou a case 500 persoas no campo da feira da localidade -case o dobre das presentes na primeira edición-, os condimentos da xornada festiva foron do máis variado, a maioría deles relacionados co motor, coma as concentracións de motos e de autos clásicos, aínda que tamén houbo misa na capela de San Antón e música a cargo do recuperado grupo local tradicional Novas Estrelas.

Os organizadores tampouco se esqueceron da afección ecuestre, moi estendida na zona, e a xornada comezaría cunha ruta a cabalo duns dez quilómetros que levou ós seus 30 participantes a visitar o parque eólico Sotavento ou bordear o límite entre as parroquias de Momán e Xermade.

O mesmo número de persoas, 30, probaron sorte no concurso de habilidade co tractor, no que había que percorrer un circuito marcha atrás manexando está máquina, coa dificultade engadida de levar un remolque enganchado. José López Souto, de Momán, impúxose cun tempo de un minuto e 45 segundos, seguido de Moreno dos Vilares, que precisou de dous minutos e 15 segundos para completar o mesmo percorrido.

O númeroso público presente puido tamén gozar coa exhibición de pilotaxe de varios dos membros do club Os Venados de Guitiriz, que realizaron un complicado circuito con múltiples atrancos.

A organización contou coa colaboración do Concello de Xermade para organizar esta segunda Festa da Paella, así coma co traballo duns 40 voluntarios.

Comentarios