Unha nena de dez anos de Baralla triunfa como nadadora en Castela

Gabriela Sánchez logrou catro medallas no campionato autonómico da comunidade veciña
Gabriela Sánchez amosa as súas catro medallas tras a competición
photo_camera Gabriela Sánchez amosa as súas catro medallas tras a competición

Gabriela Sánchez, unha nena de dez anos con orixes en Baralla, fíxose con catro medallas no último campionato autonómico de Castela e León. Compite na comunidade veciña porque vive cos seus pais en Vilafranca, pero leva nas veas as augas do río Neira e, como as troitas dos Ancares, superou todos os obstáculos ata subirse catro veces ao podio nunha mesma xornada.

Esta moza barallesa ten as mellores marcas da provincia de León, por iso o seu club, a escola municipal de natación de Ponferrada, a seleccionou para competir no campionato autonómico en categoría benxamín.


A natación non é o único que se lle dá ben. Tamén toca a gaita nun grupo de Vilafranca


Os resultados foron fantásticos. Logrou unha medalla de ouro en 50 metros espalda e tres de prata en 100 metros estilos, 50 metros braza e 100 metros libres.

Ese mesmo día disputou tres probas máis, para completar os equipos de relevos do seu club de Ponferrada. "A escola é moi humilde", non dispón de medios para levar nenos diferentes para todas as modalidades, polo que Gabriela tivo que nadar moitas veces", explica a nai, Yolanda González.

Pero esta troita do Neira non se cansa, ao contrario, cada día desfruta máis do deporte na auga. Empezou a nadar con seis anos e leva unha progresión impresionante. "Hai dous meses estivo enferma, moi cansa, pero mesmo así quería ir adestrar. Leva un mes esforzándose moito para recuperar o que perdeu daquela e o traballo deulle rendementos", conta a nai.

Gabriela adestra dúas horas por semana e ten que ir desde Vilafranca a Ponferrada. "Visto isto, haberá que facer un esforzo para poder levala máis días", avanza a súa nai, quen recoñece que a afección da nena tamén require dedicación da familia, pero é un traballo que aceptan con gusto.

A natación non é o único que se lle dá ben. Tamén toca a gaita nun grupo de Vilafranca. "A gaita galega", aclara con orgullo a nai.

Os irmáns de Gabriela, Cristóbal, de sete anos, e Adrián, de cinco, seguen a súa estela e xa se defenden ben na auga. Todos están moi atentos á evolución das obras da piscina de Baralla, porque nadar fóra dálles alegrías, pero poder facelo tamén na casa failles ilusión.

Comentarios