Unha meta que se afasta

CASE OITENTA traballadores no paro, cooperativas con graves problemas financeiros, centos de gandeiros afectados polo que no sector xa chaman preferentes lácteas -entregaron o leite que producían a cambio de participacións dunha empresa en quebra-, millóns de cartos públicos perdidos e os líderes do proxecto, no punto de mira xudicial logo de incumprir as súas obrigas e deixar débedas millonarias. Ese é o balance demoledor dos pouco máis de tres anos de vida de Alimentos Lácteos. Esta aventura empresarial, cuxo naufraxio xa auguraron moitos no sector cando botou a andar, a comezos de 2010 -por nacer da división do mundo cooperativo, sen a experiencia e os volumes de leite necesarios e entre acusacións de recibir trato de favor da administración-, é o último dos intentos, fallidos, por crear un grupo lácteo galego.

Esa é unha vella aspiración do sector, que asistiu impotente nos últimos anos ao progresivo asentamento en Galicia de empresas lácteas foráneas, con intereses distintos aos do campo galego e que mesmo aproveitaron para colocar no mercado excedentes de produción dos seus países. A súa chegada non só debilitou a posición dos produtores da comunidade á hora de negociar os prezos do leite, que apenas cobren custos e están por debaixo da media española e europea, senón que case truncou as súas esperanzas de participar na transformación industrial da materia prima, para mellorar a rendibilidade da súa actividade.

O peso do sector produtor galego en España é indiscutible, ao achegar case o 40% da materia prima total, e Lugo ten moito que ver nese liderado. Así, segundo datos da Consellería do Medio Rural, na pasada campaña as preto de 5.200 explotacións lácteas da provincia produciron 1.090.786 toneladas de leite, o 46,23 % do volume galego. Esa posición dominante non se reflicte no eido da transformación e a maior parte dese leite xera valor engadido fóra da comunidade.

Segundo estimacións de UU.AA., o ránking da recollida en Galicia encabézao o xigante francés Lactalis, con 1,3 millóns de litros diarios, o 18% do total. Aínda que neses primeiros postos resiste a firma asturiana Capsa, con 890.000 litros diarios, ocupa tamén un lugar de privilexio a agora portuguesa Leche Celta, integrada en Lactogal, con 740.000. Aínda que con menos peso, tamén se coan na lista Nestlé (con case 220.000) e Danone (tamén preto de 220.000), que consolidan ese protagonismo foráneo no ámbito industrial.

A excepción galega vén da man de Leite Río, de Jesús Lence, que ocupa o segundo posto con 1.150.000 litros recollidos, e, con menos volume, da cooperativa Feiraco, con 315.000. As dúas empresas resistiron nos últimos anos perante o auxe das industrias foráneas e ata medraron en tamaño.

Así, a empresa lucense fíxose coa marca Leyma e a súa planta de Arteixo, o que lle valeu para situarse como líder na comunidade ata 2010, cando foi reemplazada por Lactalis logo de que a compañía francesa comprase a factoría de Puleva en Nadela. Pola súa banda, Feiraco comprou hai ano e medio, con outras nove cooperativas, a planta de Clesa en Caldas, especializada en iogures e postres, un proxecto que comeza a dar os seus froitos. Malia estas iniciativas empresariais consolidadas, o sector industrial galego, por volumes e tipo de produción -agora especializada en leite líquido, con pouco valor engadido-, precisa aínda de máis dimensión e diversificación.

O desembarco de industrias foráneas viuse favorecido polos fracasos nos intentos de crear un gran grupo lácteo galego. Un dos principais tivo como protagonista a Larsa. Fundada a mediados do século pasado en Vilagarcía, foi medrando ata recoller o leite a máis de 20.000 gandeiros. Malia recibir apoio económico do goberno tripartito galego liderado polo socialista Fernando González Laxe, xusto antes de caer nunhas eleccións, non superou os seus problemas financeiros e foi vendida a comezos dos 90, co visto bo da nova Xunta, do PP, á firma francesa Unión Lechera Normanda. Hoxe pertence á empresa asturiana Capsa.

Outra decepción foi o acontecido nesa mesma década con Leyma, que tras unirse con Colaga e Lactaria Española na procura de crear ese ansiado grupo lácteo, acumulou débedas millonarias e foi comprada por Puleva. A operación indignou aos sindicatos, que acusaron á Administración galega de pasividade e cargaron as tintas tamén contra o sector financeiro da comunidade.

Xa neste século, houbo outras oportunidades malogradas, como a venda de Leche Celta, que caeu en mans da multinacional norteamericana Suiza Foods e despois nas da lusa Lactogal. Esa última operación tivo a Leite Río e Feiraco entre os aspirantes e pechouse en tempos do bipartito autonómico, cuxo papel tamén cuestionou a industria galega. Ese executivo chegou a vaticinar o xermolo dun grupo lácteo galego. Fíxoo tras concederlle a un grupo de cooperativas, unidas no proxecto Ventos Cooperativos, parte da potencia repartida nun polémico concurso eólico que despois anularía o seguinte goberno, unha decisión que tamén creou controversia e que desembocou nunha batalla xudicial.

A derradeira oportunidade?

Moitos viron na saída á venda da planta de Pascual en Outeiro de Rei, en 2009, a derradeira oportunidade para impulsar un proxecto industrial cos gandeiros como protagonistas. Cando se pensaba que o grupo encabezado por Feiraco, con máis dunha vintena de cooperativas, ía tomar as rendas da factoría, o grupo burgalés decantouse, de forma insospeitada, polo liderado por La Arzuana e Gancobre, con menos peso produtivo e sen experiencia na comercialización. Esa circunstancia e a filiación política dos homes fortes dese grupo -Eugenio Montero e Arcadio López, vinculados ao PP- fixeron que quedase a sensación de que nesa decisión non se primaron as razóns empresariais.

Esa desconfianza do sector acompañou a Alimentos Lácteos na súa traxectoria errática, na que o único bo sinal foi a boa acollida ás súas marcas (Deleite e Muuu), o que amosa a confianza do mercado no leite galego. Cando a empresa, pola ameaza de peche e presionada pola Xunta, tratou de dar un xiro e redimensionarse para conseguir volumes de produción que fixeran rendible a planta, foi incapaz de lograr novos apoios no mundo cooperativo. Aínda que recibiu máis axudas públicas, o proxecto, sen capacidade para sumar forzas, estaba condenado a morte, unha morte que se certificou este ano coa entrada en concurso de acredores e, malia os últimos intentos por buscar unha saída entre Xunta e Pascual, coa súa entrada na fase de liquidación.

Á marxe dos prexuízos a traballadores e gandeiros, o peche de Alimentos Lácteos deixa de herdanza a división no sector e acentúa a quebra da confianza entre este, a administración e o sector financeiro galego. No caso deste último actor, os produtores denuncian que as grandes caixas sempre lle deron as costas ao sector primario, salvo a unha Pescanova agora en crise. Poñen de exemplo a Asturias, o País Vasco ou Andalucía, onde saíron adiante grupos lácteos, a pesar do seu menor peso no sector, co apoio dos poderes públicos e financeiros.

Hoxe en día, tras ese novo fracaso e en plena crise, falar dun grupo lácteo galego de base cooperativa é unha quimera, cun sector gandeiro escaldado, cunha Xunta aplicando recortes en materias que semellaban intocables, como a sanidade ou a educación, e coa entidade resultante da fusión das grandes caixas galegas en venda.

Con todo, as novas regras de xogo da UE, coa reforma da PAC e a supresión das cotas lácteas no 2015, poden cambiar a relación entre gandeiros e industria, que se enfrontan ao reto común de adaptarse para ser competitivos, os primeiros aumentado a base territorial e reducindo a dependencia de pensos e os segundos, transformando a materia prima alí onde se produce, para reducir gastos loxísticos.

O sector produtor ve máis lonxe ca nunca esa meta de crear un grupo lácteo de base cooperativa, pero, perante eses cambios na PAC, cre que se dan as condicións para traballar man con man coa industria galega e apostar por un novo modelo de relacións no que esa industria estea estreitamente vinculada aos gandeiros, a través de contratos de subministración estables e mesmo sen descartar a súa participación no capital.

Sería un paso importante nun escenario incerto e complexo no que, pola globalización do sector, tamén parece inevitable unha reordenación a nivel nacional, con alianzas entre as empresas líderes para competir cos xigantes europeos.

Comentarios