Unha homenaxe imprescindible

O equipo de goberno de Cervo durante o xantar no Val do Naseiro, en Viveiro. antonio lópez
photo_camera O equipo de goberno de Cervo durante o xantar no Val do Naseiro, en Viveiro. antonio lópez

Cervo é un dos poucos concellos que mantén este ano a celebración da festa de homenaxe ós maiores. O seu alcalde, Alfonso Villares, defende esta decisión porque, «aínda que os tempos son malos, non se pode deixar todo como prescindible». «Esta festa é unha homenaxe á xente que estivo traballando toda a vida e débese facer porque son persoas que a merecen e tamén a agradecen», recalca e logo engade que «mentras se poda vaise seguir facendo».

Sen embargo, a economía obrigou a ser máis austeros e volver á opción de facer a comida nun restaurante -no Val do Naseiro, en Viveiro- no canto de repetir o escenario do ano pasado na Praza dos Campos de San Cibrao. «A nosa intención é volver facela no pobo, baixo unha carpa, pero este ano tivo que ser así porque a economía manda», explicou Villares.

PROTAGONISTAS. Pero o importante son os maiores cervenses. Preto de 600 disfrutaron onte dunha xornada de xuntanza na que, como ben dixo o rexedor, «aproveitan para verse veciños que no resto do ano non coinciden e iso tamén lle dá unión ó pobo».

O Día do Xubilado tamén é o día escollido para entregar os premios dos campionatos de tute e parchís. Este ano as parellas gañadoras ás cartas foron Lidia e Marisa, Elena e Mari Luz e Antonia e Lola, mentres que no parchís triunfaron Tonecha e Manolita e Rita e Marcelina. Sen embargo, non foron elas as únicas en recibir os seus agasallos, senón que tamén se distinguiu como xubilados de honra a Avelino Pacheco dos Santos e a Manuela Bahamonde Balsa, por seren os máis novos en participar na xuntanza.

O resto de participantes tampouco se foi de baleiro, xa que todos recibiron un agasallo e ó longo da tarde sorteáronse mías agasallos cedidos por casas comerciais da zona.

VIAXES . Unha vez pasado este día, os maiores teñen outras dúas citas previstas: o día 12 deste mes e o 16 de xuño. Na primeira xornada farán unha viaxe á Cidade da Cultura de Santiago e na segunda, á Semana Verde, en Silleda.

Comentarios