Unha familia especial polas festas de San Xoán

A tradición dos xigantes e cabezudos en Sarria, con máis dun século de historia, renaceu con forza no ano 2012 da man da asociación Crearte. Hoxe son xa 15 as figuras que se poden ver danzar polas rúas da vila con motivo das festas de San Xoán, personaxes de elaboración propia que contan episodios da historia local
A Bicha, O Aborixe Australiano e Pedro de Manán
photo_camera A Bicha, O Aborixe Australiano e Pedro de Manán

Pouco podían imaxinar a asociación cultural Crearte e o Concello de Sarria que aquel proxecto de restauración de xigantes e cabezudos iniciado no ano 2012 ía dar lugar a unha familia tan prolífica. Cinco anos despois son 15 as figuras que saíron das mans deste colectivo, baixo a dirección da artista Verónica Quintela e co aliciente de representar cada unha delas algún capítulo da historia local. Porque estes personaxes non só están feitos de arxila e escaiola, senón tamén de imaxinación e recoñecemento a aqueles sarriaos que destacaron nalgunha faceta, coma o grumete Pedro de Manán, de quen se conta que viaxaba no barco que descubriu Australia.

A creación destes xigantes e cabezudos dá continuidade a unha tradición da que existe constancia documental dende principios do século pasado. Segundo os datos recompilados polo investigador Xaime Félix López Arias, Arlindo, nos anos 1905 e 1906 xa se celebraron desfiles pola vila. A familia Díaz de Freixo foi a primeira en propiciar estas figuras, que durante décadas non faltaron á súa cita coas festas de San Xoán.

"Nos anos 1932, 1953 e 1961 deberon pedilos prestados a Lugo", explica Arlindo, membro do Seminario de Estudos Sarriaos, quen atopou escritos segundo os cales os ramistas tiveron que pagar 30 pesetas no ano 1953 polo transporte dos cabezudos ata a vila.

O gran salto cualitativo chegou no 1966, ano no que se encargou de organizar as patronais unha comisión integrada por Pedro López Fernández, Xosé López Díaz, Xesús González González e Xaime González López, co alcalde Xesús Vázquez Rivas coma presidente de honra e Xermán Vázquez Losada en calidade de presidente executivo. A eles se debe a compra das primeiras pampónigas para o pobo de Sarria, consistentes en dous xigantes e catro ou cinco ananos encargados a unha empresa especializada de Zaragoza.

Pasadas as festas, as figuras quedaron depositadas na casa de Pedro do Dios, quen preparou unha gran caixa de madeira para que descansaran á espera do seguinte San Xoán. Este veciño ocupouse de custodialas e coidalas ata que deixou de formar parte da comisión de festas, momento no que os xigantes e cabezudos pasaron á casa da cultura.

Co tempo caeron en desuso e esmoreceu a tradición. "A razón de deixaren de saír as pampónigas foi que as comisións querían 'aforrar cartos' e introduciron outras novidades para os pasarrúas, como majorettes, bandas de cornetas e tambores", sinala Arlindo.

O primeiro intento de recuperación veu dan man do profesor Segundo López Méndez, quen daba clases para adultos na vila, e iniciou un proceso de restauración dos dous xigantes e dun cabezudo. Pero o impulso definitivo chegou no ano 2012, cando o Concello e a asociación Crearte emprenderon unha colaboración para rescatar as figuras do olvido e devolverlles o seu esplendor.

RECONSTRUCIÓN. O traballo non foi sinxelo. O paso do tempo e a humidade deixaran a súa pegada. Xigantón e Xigantona rondaban os 50 anos e precisaban brazos novos, unha reconstrución facial e vestiario anovado. Dos ananos iniciais só se conservaba Pispirela, que perdera o cabelo.

A ceramista Verónica Quintela, formada na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, púxose mans á obra coa axuda doutros membros da asociación cultural Crearte, veciños en xeral e Pedro Quiñoá, encargado da pintura final. Aquel primeiro ano non só volveron á rúa os tres personaxes restaurados, senón tamén tres cabezudos de nova creación: O Vello dos Contos, O Iribio e O Trasno do Castro, un deles comprado.

No ano 2013 comezou un segundo obradoiro, do que saíron, a proposta de Arlindo, o Tamborileiro e a Tamborileira, inspirados, respectivamente, nun antigo debuxo de Avary e unha obra do artista Rubén Santiago.

Como vila xacobea, non podía faltar en Sarria a figura do peregrino, que cobrou vida no 2014 xunto cunha Meiga Xeitosa, na honra da fundadora de Meigas e Trasgos, Carmela González Ruiz. Pola súa banda, o camiñante foi bautizado como Gaucelm de Bezelac, nome tomado dunha obra do escritor sarriao Carlos Estevan Deive.

Ao ano seguinte, recuperouse a historia de Pedro de Manán, en memoria dos mariñeiros do San Lesmes, acompañado do Aborixe Australiano, en alusión ao descubrimento destas terras.

Chegado 2016 foi a quenda da Bicha, a serpe voadora que segundo a lenda habitaba a Fortaleza de Sarria e que se alimentaba do leite dos animais e mesmo das nais e as amas de cría. E neste ano 2017, Quintela traballa intensamente no seu taller de Manán na recreación das figuras da Grosiña e Dona Fraca, míticos personaxes dos carteis publicitarios do industrial chocolateiro e filántropo sarriao Matías López.

CONTINUIDADE. A familia non para de crecer e todas as partes implicadas neste proceso poñen os medios para que así sexa. Xaime Félix López Airas achega os seus coñecementos históricos e Verónica Quintela deseña e executa unhas figuras que sente "como algo do pobo de Sarria". Tamén o Concello ten claro que haberá continuidade. "A idea é seguilos facendo porque é importante manter a tradición. Creo que cada ano hai expectativa entre a xente de ver con que nos sorprenden e a historia que hai detrás de cada cabezudo, porque a vinculación con Sarria é un valor engadido", asegura a concelleira de cultura, Mónica López.

Todas as figuras teñen unhas coplas adicadas do Xeringador de Romelle e gárdanse durante o resto do ano na antiga prisión comarcal, onde poden ser visitadas na época de apertura con grande éxito, sobre todo, entre os peregrinos. O vindeiro día 23 volverán saír á rúa con motivo do pregón de San Xoán e o 25 danzarán para todos os sarriaos e visitantes no paseo do Malecón.

Os desfiles destes personaxes xa están documentados nas patronais de Sarria desde principios do século XX A presentación en sociedade dos novos cabezudos será o vindeiro día 23, durante o pregón na Praza da Constitución

Comentarios