Un empacho de apellidos vascos

Chévere preguntándose pola crise en 'Eurozone'. AEP
photo_camera Chévere preguntándose pola crise en 'Eurozone'. AEP

A SEMANA PASADA morreu o alcalde de Bilbao, Iñaki Azkuna. A miña nai naceu en Bilbao e nunca saíu da cidade se non conto a paréntese de 45 anos que botou en Galicia. A miña nai chamoume e botouse a facer consideracións sobre Azkuna. Ela louvaba e criticaba, consideraba e gardaba silencios, mentres eu lembraba o chiste do señor que entra na libraría: «Dáme un mapamundi de Bilbao?». «Como o quere? Con aforas ou sen aforas?».

Tamén reparaba en que estou nesa metade do planeta que aínda non viu ‘Ocho apellidos vascos’, a película de Emilio Martínez Lázaro. Non me falta o interese, fáltame a entrada dispoñible e alguén que me quede cos cativos.

A risa é a distancia máis curta entre dous puntos, polo que non viría mal que Martínez Lázaro trazase agora outra liña sentimental chamada ‘Seny Cibeles’ ou un ‘Un castizo en Vía Layetana’.

Hai outras vías de achegamento a ese país que nos atrae e nos desconcerta. Suso de Toro intentouno en artigos que veñen de ser premiados coa Creu de Sant Jordi por ser un «valedor da causa catalá fronte á visión centralista de España», segundo leo nun xornal barcelonés.

O xornalista catalán sorpréndese de que lle concedan esa distinción «antes cá Medalla Castelao» tanto coma que o escritor compostelán non teña ingresado na RAG nin na RAE. «Teño un documento privado no que me comprometo a non estar en academias na miña vida», desvela o escritor. Aposto a que sufre insomnio porque soamente desorientado no medio dunha madrugada se che pode ocorre redactar semellante extravagancia.

As ideas inesperadas que provoca o insomnio coñézoas pola miña nai. Na conversa esgotadora que nos serviu para velar o alcalde de Bilbao, expliqueille que as matemáticas non eran o meu forte. Asumíndoo, logo lle botou a culpa a un meu profesor de BUP «que militaba no PCE e fumaba porros». Non sei cal desas actividades pensa a miña nai que me impediron descifrar a álxebra. Teño para min que todo empezou a tarde na que, con seis anos, sor Ángela alzou a man a aberta para descargarla sobre a miña cara por equivocarme nunha multiplicación.

O malo foi cando chegou a crise económica e as palabras comprensibles perderon contido para ceder lles o prestixio ás cifras.

Todo o que alcanzo é a intuír cóntao Chévere en ‘Eurozone’, a peza que vén de levar catro María Casares -entre eles, o de mellor espectáculo-: «Todo foi un atraco de especuladores». Quero dicir, que houbo uns tipos que lles presentaron unhas contas limpas ás súas ‘sor ángelas’. Naipaul confesa en ‘Momentos literarios’ (Mondadori) que, ao chegar a Europa, pareceulle «un mundo artificial, completo e homoxéneo que non requería explicacións».

O director de Chévere, Xesús Ron, conta que a concepción orixinal de ‘Eurozone’ veulle mirando ‘Reservoir dogs’. Asegura que a mensaxe da obra é: «Estades atracándonos, vale, pero dámonos de conta». Gustaríame terlle contestado unha frase con esa carga de dignidade a sor Ángela, pero estreloume a labazada tan de improviso que quedei sen reacción.

Chévere recrea a escena na que varios delincuentes almorzan xuntos con traxes e gravatas negras. Diríxense entre eles como Señor Blanco, Señor Azul, Señor Marrón. Cando telefonee á miña nai esta tarde heille preguntar pola súa opinión. Supoño que dirá que non son de Bilbao, que non cargan coa responsabilidade solemne dos oito apelidos vascos, o mínimo que lle reclamaba Sabino Arana a un bo euskaldún.

Niño y Pistola gravaron un delicioso disco que non escotarei por segunda vez

ALGÚN DÍA, CANDO se nos esgote o cansino discurso contra a chuvia, será primavera. E, de non ser este ano, será primavera en 2015. Pregúntome onde van os hipsters coas súas barbas e as súas infusións cando asoma a calor.

Cando menos, sabemos que Niño y Pistola están a presentar o seu novo disco, ‘There’s a man with a gun over there’, en Galicia. Non acabo de entender que fan uns rapaces de Baiona cantando en inglés e soando coma unha jukebox con éxitos de Jefferson Airplane e The Band, pero o disco é ben agradable. Escoitándoo pensei nos Black Crowes: que ben este revival, que aqueladiña é a roupa, que harmoniosos son tocando, pero unha escoita abonda.

Niño y Pistola carecen dunha cualidade básica: a sorpresa. Los Contentos, o mellor grupo saído dun garaxe de Galicia, andaban sobrados de sorpresa. Tal vez a virtude de artellar unha proposta inesperada foi o seu problema e chegaron adiantados no tempo.

Estes días podemos relelos na súa biografía, ‘Cuando ríes. Los Contentos (unos malditos pioneros del garage)’. Eu consigo retomar esa frescura cando o seu guitarrista, Piti Sanz, chama á redacción do xornal e empeza a confesar as súas alegrías e os seus insomnios amorosos coa espontaneidade coa que a miña nai analiza a xestión de Iñaki Azkuna.

Nesas conversas, Piti substitúe no meu corazón a miña filla adolescente que canta a One Direction acompañándose coa guitarra. Con Piti todo volve ser como aquela canción dos anos 80 e sinto envexa do meu amigo, que aprendeu algún engano para facerse a un lado cando avanza vagarosa a apisonadora do tempo.

(Publicado na edición impresa o 5 de abril de 2014)

Comentarios