Unha elevada perda de alimentos

A PERDA OU desperdicio de alimentos comprende aqueles que se refugan ou se perden sen ser consumidos. Estas perdas ocorren en todas as fases da cadea alimentaria desde a produción agraria ata o consumo. Nos Países de economía atrasada a maior parte destas perdas ocorre nas primeiras fases da produción agraria por carecer de infraestruturas adecuadas para a almacenaxe e conservación das colleitas. Pola contra, nos Países desenvolvidos a maior parte das perdas concéntranse no consumo, o comercio e a industria.

Un estudo sobre a perda de alimentos nos fogares realizado hai uns anos en Gran Bretaña estimaba que preto da quinta parte dos produtos comprados non eran consumidos, sendo esta perda aínda algo máis elevada nas familias con nenos. Estas perdas comprenden aos produtos estragados por un mal almacenamento, por exceder a data de consumo ou por ser comida deixada no prato. Con escasas diferenzas estas perdas eran bastante xeneralizadas entre os distintos grupos de alimentos afectando ao pan, ás froitas e hortalizas, carne, peixe e algúns produtos lácteos como os iogures.

A semana pasada o Parlamento Europeo aprobou un informe sobre este asunto que é tratado dun modo máis amplo ao incluír tamén as fases de elaboración e distribución polo comercio dos produtos alimentarios. O informe estima que a perda de alimentos ascende a uns 180 quilos anuais por persoa. Un 40% destas perdas son ocasionadas nos fogares, case outro 40% na produción e industria e o 20% restante entre a distribución e nas empresas que serven comidas como bares e restaurantes. Ademais o volume destas perdas aumentaría nos próximos anos se non se establecen medidas para reducilas.

A perda de alimentos non é só un malgasto de recursos, senón que ten efectos sociais moi negativos en momentos de crises e xera tamén unhas elevadas perdas económicas, que se acrecentan cos gastos adicionais para a súa eliminación. Unha das causas da perda de alimentos nos fogares está na confusión existente acerca da súa data de caducidade. Neste sentido o informe propón que a etiquetaxe dos alimentos achegue dous tipos de datas: unha de consumo preferente, có período límite de venda por estar ligado sobre todo ao mantemento das súas condicións óptimas de calidade por parte do fabricante, e unha segunda posterior de caducidade, que sería a data límite para o seu consumo. Un segundo asunto importante para reducir as perdas ten que ver coa gama de tamaños dos envases para adaptalos mellor ás necesidades dos consumidores, en especial dos fogares con poucos membros. O informe ven ser unha chamada de atención sobre un asunto importante que debería traducirse en propostas concretas para reducir este problema.

Comentarios