Unha de dobraxes

LONXE DO NOSO ÁNIMO andar á percura de problemas e de discusións, que para iso xa están as revistas e programas cardiacos no eido televisivo. Quizais afortunadamente, porque a controversia política, cando menos a de algúns tertulianos e certos medios, segue a descansada senda da aldraxe, do infundio e do ‘albañal’, que en galego se di sumidoiro, con moita propiedade e pertinencia nos eidos citados, onde a materia máis abundante é o xurro, mesto ou ralo. En fin, xa nos ocuparemos outro dia desta substanciosa e cheirenta materia.

Hoxe toca unha de dobraxes, e non pola censura tan habilidosa na arte da transposición, senón polos profesionais que a esta tarefa se dedican. Aclaremos por buscar algúns exemplos, ou para evitar males maiores, que a nosa persoal, intransferible e, en certo sentido sacrílega, inclinación cara a comida artificial, non debe ser óbice para manifestar a íntima preferencia polas dobraxes. Pero non só pola dificuldade do inglés, que non estudamos porque era o idioma da ‘pérfida Albión’ que tiña secuestrada esa «tierra amada de todo español», segundo decia a canción referíndose a Xibraltar e que, por certo, non foi usurpado, senón cedido ao Reino Unido, ainda que ese aspecto nunca aparecia na retórica ‘cantabile’ do franquismo.

Mais volvendo ao asunto das dobraxes, a nosa parcialidade reside sobre todo en que enténdese moi ben o que din, xa que son voces fermosas e ben timbradas e, polo xeral, moi agradables. E de aí que á frecuente superioridade en moitos aspectos do cine estadounidense, únese unha maior calidade na elocución, mentras que, non todas naturalmente, pero en moitas producións españolas, sempre que as pasan pola televisión, hai que botar man do recurso de subir o volume. Non queremos facer mencións explícitas, pero hai actores aos que resulta moi dificil seguir, e xa non digamos cando aparecen escenas con diálogos cruzados e algo de acción, porque nestes casos o batifondio é tal, que non se aprecia nada do que falan, e a posibilidade de esgrimir o mando aumentador do volume desaparece.

Por suposto que temos escoitado en boca de expertos, o que se perde ao non acceder á versión orixinal. Non temos nengunha dúbida, sobre todo naqueles casos nos que a calidade do actor é total, isto é, domina non só a expresión corporal ou a expresividade xestual e todos os aspectos complementarios, senón tamén a voz, a dicción. Pero naturalmente hai outras moitas voces perfectamente prescindibles, isto é, amplamente superadas polo dobrador. Soe porse de exemplo de calidade orixinal a primeira parte de ‘O padriño’ (The Godfather), e certamente que a voz de Marlon Brando repleta de grandes cualidades, nesta ocasión adquire matices que a singularizan. Pero é o certo que a dobraxe ao español, constitue tamén un verdadeiro alarde interpretativo.

Comentarios