Una cuestión espinosa

COMO XA SABEN ou supoñen despois de tantos anos e artigos, un servidor é en último termo un polemista. E en ocasións un daqueles que representan o espírito da contradición. A sorte levárame ata o día de hoxe a non traer a esta columna un dos temas que máis teño discutido e que meirandes enfados levantou no meu círculo de amizades intelectuais: o conflito israelí-palestino. Podo facelo agora grazas á reedición dun clásico, ‘La cuestión palestina’, do polígrafo Edward Said, na editorial Debate.

Antes de continuar, teño que aclarar que son unha desas persoas que en nada tende ao maniqueísmo. En moi poucos argumentos os bos son moi bos e sono para sempre e os malos moi malos sen remisión. O debate xeopolítico e histórico, en concreto, é por definición coma o deus romano Jano: bifronte. Isto non implica que, coma un John Stuart Mill calquera, me manteña na mera exposición, como se verá.

Aplicada esta premisa ao debate que nos ocupa, e entrando xa de cheo ao libro, convén recoñecer que a orixinal publicación da obra de Said -en 1979, xusto despois dos acordos de Camp David- fixo posíbel que se comezase a ver en Occidente a problemática do pobo palestino cun maior grado de ecuanimidade e mesmo simpatía. Ata ese momento a identificación xeral e automática era a de palestino con terrorista, unha demonización absoluta.

Edward Said era o home máis axeitado para levar a cabo esta tarefa. Fondamente palestino no seu corazón, tivo que abandonar a súa terra en 1948 tras a creación do estado de Israel. ‘Grazas’ a isto puido educarse ao xeito occidental e rematou converténdose na bandeira intelectual do poscolonialismo e construíndo toda unha teoría cultural acerca da alteridade, das visións e imaxes do que está na periferia visto dende o que está no centro.

'La cuestión palestina', de Edward SaidComo bandeira da intelectualidade palestina, promoveu un acercamento á cultura xudea, distinguíndoa claramente do sionismo. Froito dos seus esforzos recibiu, entre outros, o Príncipe de Asturias da Concordia na compaña de Daniel Barenboim, director de orquestra arxentino e xudeu.

‘La cuestión palestina’ é unha obra que se conta entre o mellor da bibliografía do tema. E tendo en conta que defende á parte máis débil e, agora mesmo, á parte máis popular, moitos lectores atoparán avais para discutir intelectualmente sobre o tema. Dito isto, estamos ante o que se podería denominar unha peritaxe de parte.

O mesmo Said non o agocha, e xa dende as primeiras páxinas deixa claro que non falará de terrorismo porque a equivalencia terrorista=palestino xa está moi estudada. En toda a obra non hai a penas referencias aos actos terroristas levados a cabo por palestinos, e mentres se fan continuas referencias ao repugnante pasado terrorista de Menahem Begin, non se atopa ningunha, por exemplo, ao forte apoio a Hitler ofrecido por Amin al-Husayni, grande muftí de Xerusalén e, casualidades da vida, familiar directo de Yaser Arafat. O mesmo cabe dicir dos sucesos acaecidos durante os anos 70.

Máis curioso aínda resulta o seu xuízo sobre diversas causalidades. Que practicamente ningún sector da poboación israelí recoñeza o sufrimento do pobo palestino é culpa do sionismo; agora ben, que practicamente ningún sector da poboación palestina poda dialogar con Israel non é culpa dos palestinos senón... do sionismo.

As ocupacións de terreo israelí son glosadas por extenso, pero ata máis alá da páxina duascentas non atopamos unha soa referencia (e só unha nese momento) ás inocentes intencións de Gamal Abdel Nasser de «arroxar a todos os xudeus ao mar» no momento da fin do mandato británico.

Ata un historiador nada sospeitoso como Ilan Pappé recoñece que se nas semanas que seguiron á independencia os países árabes tivesen vencido, o pobo xudeu teríase enfrontado a un segundo holocausto e, dada a poboación alí establecida, pódese afirmar que a xudería europea tería desaparecido da faz da terra.

Non só nalgunhas críticas a Israel ofrece Said unha visión sesgada (malia que lóxica e xustificábel). Os fragmentos dedicados a Arafat, á OLP e á presunta ilustración do pobo palestino non poden menos que verse, co paso dos anos, como parte dunha idealización.

O carisma do rais non pode ser negado, pero Said agocha as sombras que xa entón rodeaban ao personaxe, acusado de ser excesivamente personalista e oscurantista. Arafat creou un goberno tan corrupto nos xa autónomos territorios ocupados que o seu propio pobo lle deu as costas. ¿Para unirse á alternativa creada polo propio Said, Al Mubadara, democrática e reformista? Non.

O ‘ilustrado’ pobo palestino, tan intransixente como os colonos invasores sionistas, botouse en brazos de Hamas, grupo terrorista que ten como primeiro punto do seu programa existencial... botar aos xudeus ao mar.

A cuestión é espiñenta. Said era un home de gran valía intelectual e con ese intelecto fixo esta encendida defensa do seu pobo que conseguiu en boa medida equilibrar a imaxe dos palestinos en Occidente. Co que non contaba supoño é con que, vintecinco anos despois do seu libro, os dous pobos e os seus gobernantes aínda estivesen homenaxeando a Goya naquel «Con razón o sin ella» de ‘Los desastres de la guerra’, seguido como é sabido de «Lo mismo» pero cos papeis cambiados. Palestinos e israelís necesitan máis Saids... e que agora abandonen as trincheiras -neste caso tamén as académicas- para acadar unha verdadeira paz, que persoas coma min nunca coñecimos.

La cuestión palestina

Edward Said. Editorial Debate. 352 páxinas

Comentarios