''Una, como lengua materna, y otra en la escuela, y sin ningún problema''

O día da festa era unha cousa grande. Viñan curas das parroquias todas do arredor e facían unha misa longa, con moito ir e vir diante do altar falando en latín, pero non entre eles, que entre eles falaban galego, fóra dun, moi fino, que sempre falou castelán. Era o de Pardela, que estudara en Burgos.

Basilio Losada / Penaboa / Láncara

A nosa lingua ten unha variedade asombrosa ata o punto que unha mesma palabra en Mondoñedo e Abadín teñen diferente significado. «Chanto»; en Abadín, chámaselle á vara titora dos feixóns. Por iso é mester unha normativa. Hai que darlle unidade para entendérmonos. As linguas son algo vivo. Hai que ter moito ollo co que se está a facer. As liortas entre lingüistas e filólogos poden ser contraproducentes. Eu digo: nunca erra quen fala coma na súa terra.

Xosé Trapero Pardo / Lugo

Alí, en Navia, na máis afastada e esquecida Galicia, onde esta se colle da man coas veciñas terras de Asturias e León, aprendín a dicir mai, irmau, pantalois, riu, truita ou trutia, xato, pumar, marroto, runqueiro... Alí descubrín a beleza dun palleiro ben feito, o cantar dos carros cargados de centeo, a tenrura do tacto dun cordeirín ao pouco de nacer, o arrecendo das mazás no madureiro... e o sabor das cereixas.

Toño Núñez / Navia de Suarna

Aos seis anos marchei para Madrid e alí vivín en ambiente de toreros e de flamenco; perdín o galego, que recuperei despois, de regreso en Galicia. Agora síntome invadido igualmente polos dous idiomas. Somos comanches, dunha época de antes de internet, de antes dos piercings e de antes de Lady Gaga.

Paco Pestana / Castroverde

Me escapaba de A Campá a Foz porque me aburría. Cruzaba por el monte, por O Valadouro, Oirán y San Acisclo hasta Foz. Iba al [bar] Pascasio. El Pascasio te convertía en un veterano. En la infancia no me aburría en A Campá. Me divertía mucho escuchar a ancianos que nunca hablaban en castellano y usar esa lengua con acentos cubano o argentino para contarme sus peripecias en la emigración. En A Campá queda muy poca gente, está todo asilvestrado y me da mucha pena ir por allí ahora. Estuve este verano, aunque cogimos una casa en Alfoz.

Francisco Casabella / Alfoz

Eu de nova fun sempre castelán falante, pero meus pais sabían falar moi ben galego e recitaban sempre poemas en galego, sobre todo de Rosalía, á que lle sabían moitos de memoria. E todos os días, despois da cea, había lectura e comentarios de poesía. Era como unha especie de taller de literatura para min. Alí liamos textos da ‘Iliada’ e da ‘Odisea’, de literatura francesa, española e galega. Eles amaban o galego porque o galego é algo que vai na alma e no corazón e máis ala de considéralo un vehículo de comunicación para eles era algo sagrado. Polo tanto, eu tiña o galego recollido dentro de min, pero non o falaba e custoume moito chegar a falar galego, aínda que non escribilo. E Manuel María, que sempre me pedía que escribise en galego, editoume este libro no primeiro número da colección de poesía Xistral, promovida por Ángel Johan e Luís Pimentel e dirixida por Manuel María. E gustoulle moito a Ramón Cabanillas e a Aquilino Iglesia Alvariño.

Luz Pozo Garza / Lugo

Ademais da autoridade da súa idade, do seu saber e do seu poder, o escolante tiña outra estraña autoridade: a da lingua. A idade, o saber e as facultades propias da súa función dábanlle ao escolante unha superioridade natural dentro do noso mundo infantil. Pero a utilización ríxida dunha lingua distinta da nosa, dunha lingua que excluía a nosa, dáballe unha autoridade estraña, unha autoridade que non era natural, unha autoridade que tiña un significado negativo, xa que en lugar de establecer a superioridade persoal do mestre trataba de establecer a nosa inferioridade colectiva. E non só a nosa inferioridade en canto escolares senón a inferioridade nosa en canto galegofalantes. Mais esa inferioridade englobaba tamén os nosos pais, os nosos irmáns e familiares, os nosos veciños, a todo o que era o noso mundo propio.

Ramón Piñeiro / Láncara

A primeira escola que eu tiven despois de facer a oposición foi en Torbeo, concello de Ribas de Sil. Daquela non había nin estrada, nin camiños para chegar. Torbeo era famosa pola meiga. Había unha bruxa alí que era un fenómeno, segundo me teñen contado, pero xa non vivía. Cheguei e decateime conta de varias cousas. Deime conta fundamentalmente de que coa necesidade que había alí entre todos os nenos de ir un pouco para arriba, eu estaba a facerlles unha traizón porque case que non me entendían. Díxenme: «Isto ten solución». En vez de falarlles en castelán vou a falarlles en galego. Aí tomei conciencia de que non se pode traizoar a quen che paga, a fin de contas aquela pobre xente era a que o facía.

Paco Martín / Torbeo / Ribas de Sil

Daquela non se pode dicir que fosemos galegofalantes senón castrapofalantes pois mesturabamos o galego co castelán. O galego empregábamolo no ámbito doméstico e o castelán no académico. Para moitos de nós, a escola foi a primeira toma de contacto cunha nova lingua, o castelán, e co tempo fómonos facendo bilingües. Eu podo dicir que cando fixen o ingreso no instituto era practicamente bilingüe. Unha que aprendín como lingua materna, e outra na escola, e sen ningún problema.

Xosé Luis Novo Cazón / Vilalba

As miñas invencións e as miñas maxias teñen nembargantes un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo.

Álvaro Cunqueiro / Mondoñedo

É curioso, na casa falabamos castelán, pero co meu avó faciámolo en galego. El falaba moi ben os dous pero por respecto falabamos no mesmo que el nos falaba, o galego. Meu pai, ás veces, tamén nos falaba en galego, pero diante de miña nai, non. Eran historias daquela época.

Tareixa Campo / O Incio

Comezo a escribir na Táboa Redonda. Acórdome da primeira vez que veño desde Chantada con 14 anos. Collo a Directa, chego a El Progreso e dígolles: «Traigo un artigo para publicar». Recibiuno Ánxel Fole. Un artigo en galego, ademais. E o Ánxel Fole díxome que lle tiña que dar unha volta e eu resposteille que xa lla dera, ao que contestou: «Ben, pois imos publicalo», e publicoume o primeiro. E así comecei a publicar en El Progreso. Despois botei moito tempo facendo as crónicas de fútbol do Chantada. Asinábaas Ánxel, pero facíaas eu. Escribíaas en galego e publicábanse en galego. Cóntoo por aí e non mo creen, pero era certo.

Afonso Eiré López / Riopedroso / Laxe / Chantada

Antoloxía da Memoria de Lugo:El Progreso: luns, mércores e sábados.TeleLugo: martes, ás 22.00 horas. Reemisión diaria. Dirección: José de Cora. Imaxe: Memé Díaz. Ilustracións: Vinicius. Fotografía: Arquivo EP.

Comentarios