''Unha caseta para o polbo sería un bo impulso para a feira e para Castro de Rei''

CHA2401P1F2.JPG
photo_camera CHA2401P1F2.JPG

O actual presidente de Amigos da Feira, unha asociación «vital» para Castro de Rei, destaca o traballo de tódolos socios e reivindica novos proxectos para o concello co fin de cambiar o ritmo dos últimos tempos nos que «Castro medraba mentres Castro de Rei caía».


ninguén quería asumir a presidencia da asociación Amigos da Feira de Castro de Rei e durante un mes, a finais do ano pasado, estivo na corda frouxa a súa continuidade. «A un tris de desaparecer». Pero a segunda xeración dos primeiros que iniciaron o traballo, cando xurdiu a iniciativa «de cero» da man dalgúns veciños, hai case 15 anos, tomou as rendas da entidade. Javier Freire é o presidente de Amigos da Feira dende outubro do ano pasado. Pertence a esa segunda xeración e leva media vida, por non decir toda, dentro da asociación chairega.

Amigos da Feira conseguiu sobrevivir ó baleiro de poder. Que prioridades hai agora?

Mantela. No cambio de directiva o obxectivo principal era que a asociación non desaparecera. Houbo problemas dentro, falábase de deixar todo unha tempada e estivo así así de desaparecer, porque se se deixaba un ano volver logo a empezar sería moito máis complicado. Grazas ós que están agora na directiva, porque insistiron, Amigos da Feira segue funcionando.

Sen embargo conta cun bo número de socios.

O número non caeu. Somos uns 180 agora. Pero os problemas non eran por falta de socios. Sempre faltan relevos, porque ó final, sempre somos os mesmos, o mesmo círculo. Falta xente nova, diferente, eso si. A xente quere a asociación, quere que a haxa, pero manter unha asociación activa dá máis traballo do que parece, se queres facer cousas.

Leva uns meses ó fronte, pero estivo vinculado á asociación de sempre. Que valoración fai do traballo que a entidade realiza en Castro de Rei?

A valoración é moi positiva. Moitas cousas que hai en Castro de Rei se non fora por Amigos da Feira non as habería. O traballo da asociación é vital para Castro de Rei.

A asociación naceu co obxectivo de recuperar a feira quincenal. Aumentou a afluecia de público nestes anos?

O que se intentaba era que non baixara e conseguiuse. A feira celébrase cada quince días intercalada coa de Meira. Tratábase de que viñera xente, porque ía para abaixo. Castro de Ribeiras de Lea crecía mentras Castro de Rei caía.

A asociación aséntase sobre dous pilares; a Ruta do Azúmara e a Festa da Malla. Recientemente solicitouse o recoñecemento desta última como Festa de Interese Turístico de Galicia, título que ten a meirega. Que suporía?

Sería un reclamo máis forte para a festa, que estaría máis publicitada. Non sei se aumentaría moito en canto a público, supoño que si, pero daríase máis a coñecer fóra de Castro de Rei. En temas de subvención probablemente tamén se notaría.

Canta xente traballa actualmente na súa organización?

Que se involucran e traballan, sobre 25 ou 30 persoas.

A malla de Castro é a máis longa da comarca en canto a celebracións, con tres fins de semana de festa. Canta xente pode vir?

O día grande, o da malla -despois da sega e a meda-, que soe cadrar sobre o 20 e pico de agosto, case chegamos ás 500 persoas.

A outra base é a Ruta do Azúmara, que foi diseñada pola asociación. Asumen toda a xestión?

A ruta está rexistrada na Mancomunidade de Municipios de Terra Chá e está protexida. A asociación encargouse durante todos estes anos de todo. O diseño empezouse de cero, cando non había nada. Recordo a meu pai co tractor e a outros veciños desbrozando. Amigos da Feira encargouse da súa señalización, que foi renovada hai pouco, e recientemente arranxamos os dous pontellos que cruzan o río cunha subvención duns 10.000 euros da Deputación. Agora, conseguiuse que o Concello se fixera cargo da súa limpeza.

Para a súa posta en valor e para dala a coñecer organizan unha ruta anual. É un bo reclamo? Cal é a resposta?

Depende do tempo, pero soen participar ó redor de cen persoas ó ano. A Ruta do Azúmara é un reclamo en si para o Concello. Coñécese fóra e hai moitas asociacións e sobre todo colexios que chaman para facela. Á xente gústalle -A Ruta do Azúmara é un recorrido de nove quilómetros que une o casco histórico de Castro de Rei co Castro de Viladonga-.

Este ano organizaron a maiores e por primeira vez a ruta en bicicleta. Como foi a experiencia?

Ben. Este ano queren repetila, pero con dous niveles, un máis relaxado de paseo para os nenos e outro para os máis entrenados.

O traballo de Amigos da Feira foi recoñecido o ano pasado polo Concello, que lle adicou unha rúa a asociación. Como tomaron esto?

A placa aínda non está posta. Seguramente a poñeremos canda se faga a próxima ruta en xuño e nun día que coincida feira para que haxa máis xente. Para facer un acto máis bonito. A dedicación da rúa é un recoñecemento e unha forma de que quede cosntancia do traballo feito. A asociación en Castro de Rei notouse moito e Castro de Rei coñécese en moitos sitios pola asociación, igual que polo traballo de Os Valuros, da que tamén son secretario (ri).

Pese a todo, seguen cunha reivindicación de hai tempo, un local propio. Hai algunha novidade?

Temos un temporal, no teleclube de Castro de Rei. Levamos todo para aí o cambiar a directiva. Cedéunolo o Concello pero non é definitivo. Tiñamos solicitado un local, no que foi o antigo centro de inseminación, un local pequeniño que hai que arranxar. O Concello comprometeuse e mandouse a petición á Xunta para que o cedan. Esperamos trasladarnos alí, pero non podemos falar de datas.

Hai máis reivindicacións?

Outra reivindicación da asociación é a caseta do polbo. Agora temos un garaxe e gustaríanos facer algo pechado para o inverno e que nos sirva para máis cousas. Algo parecido ó que fixeron en Pol, no mesmo campo da feira, que sería un bo impulso para a feira.

Hai algo enriba da mesa?

Estanse estudando proxectos en distintas situacións para atopar onde ubicalo. O Concello vaino solicitar á Xunta, pero teremos que volver a recordarllo nun tempo, non vaia ser que co da crise poñan excusas... O caseto do polbo sería un pulo grande para Castro de Rei. Se se consigue sería algo moi positivo.

Como se financia nestes momentos a asociación?

Temos subvención do Concello, da Deputación de Lugo e a través das cuotas dos socios, que son 12 euros anuais. Cando empezamos, empezamos de cero. Os traballos da ruta fixéronse poñendo cartos e traballando gratis. Agora e diferente. Hai colaboración. Imos a calquera sitio e non hai problema.Somos unha asociación que traballa moito, que se ve e colabórase.

Que actividades teñen previstas para este ano?

Nun principio a idea é manter o que había. En principio, a Ruta do Azúmara e o Lume Novo en xuño, a Festa da Malla en agosto e a xornada micolóxica en outono, ademáis da ruta en bicicleta tamén.

Aparte das propias actividades, a asociación axudou á recuperación do grupo de teatro de Castro de Rei.

Puxéronlle o nome da asociación, é o grupo teatral Amigos da Feira. O presidente anterior estaba no grupo de teatro, había colaboración e xurdiu. Ademais sempre organizamos algunha obra teatral ó longo do ano, unha polo menos na sega e outra en Reis, pero este ano non a puidemos facer.

Como é a colaboración co resto de asociacións?

Boa. As que máis funcionan son a de Mulleres Rurais e a Rey Stolle de Bazar, ademais dos Valuros. Logo está a de Xosé Manuel Carballo, pero está máis centrada nos castros.

Futuro

O obxectivo coa nova directiva era non permitir que a asociación desaparecese, agora o noso fin é mantela activa»

DE PRETO
«Todo o mundo vai ó presidente, pero ninguén quere selo»

Dous anos de vogal da asociación e outros dous de vicepresidente. Cambia moito a súa labor agora que é presidente de Amigos da Feira?

Si que cambia. Á hora de traballar non. Traballo o mesmo. Pero sempre recae máis peso. Todo o mundo vai ó presidente e ninguén quería selo (rí). É máis dar a cara, hai máis gastos, de teléfono e de coche de aquí para alá.

Leva vinculado a asociación dende que se fundou hai case 15 anos e a súa familia semrpe foi parte activa. Cantos son hoxe socios?

Miña irmá, meu irmán e meu pai, ademáis de min. Síntome orgulloso de estar na asociación e gústame que se fagan cousas.

Un lugar de Castro de Rei?

A Ruta do Azúmara, sen dúbida.

Un soño por cumplir para a asociación?

Que non desapareza.

Queda moito por facer?

Queda moito. Queda todo.

Traballa en Lugo en restauración. recomende un prato.

Traballo nunha parrillada. O prato, ‘A pasión carnívora’, de carne de boi.

Faríase actor no novo grupo teatral de Castro de Rei?

Non, nunca me gustou estar en primeiro plano, en tódolos ámbitos. E agora estou (risas).

A Ruta do Azúmara inclúe textos de escritores chairegos. Se tivera que elexir un...

Xosé Manuel Carballo.

Comentarios