miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Unha aprendizaxe sen barreiras

As clases. J. VÁZQUEZ
As clases. J. VÁZQUEZ

Máis dun cento de internos asisten cada día ás clases do centro de adultos que a Consellería de Educación ten nas instalacións da prisión de Monterroso. A maioría deles céntranse en aprender a ler e a escribir, pero tamén hai quen cursa estudos superiores. Todo coñecemento seralles de utilidade cando estean na rúa.

a educación non atopa barreiras no centro de adultos do cárcere de Monterroso, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Ás súas aulas asisten cada día preto de 120 internos, o que supón a terceira parte da poboación da prisión.

«Una vez que cruzan las puertas de la escuela dejan de ser internos para convertirse en alumnos y se les trata como tal», explica o director do centro, Pedro Cantero, quen engade que «no hay prejuicios, lo perciben y su comportamiento cambia».

Quizais por esa sensación de normalidade, cada mañá máis dun cento de reclusos deixan de lado a rutina dos módulos e os paseos polo patio para asistir ás clases. Son grupos moi diversos, que obrigan a «adaptar los programas a sus circunstancias particulares», indica Cantero. O importante é implicalos ó máximo na actividade xa que «la educación será clave para su futura reinserción social».

Para moitos reclusos este é o primeiro contacto co sistema educativo. Son analfabetos no seu idioma e tampouco dominan o castelán. Como explica Cantero, «hay estudiantes de medio centenar de nacionalidades y la mayoría llegan al centro sin hablar nada de castellano».

Esta situación obriga ós docentes a agudizar o enxeño. Así, unha profesora do centro, María Eugenia Gómez André, deseñou o ano pasado o ‘Nahono’ -‘Nosotros’, en castelán-, un método de lectoescritura pensado para persoas reclusas árabes sen alfabetizar. A súa aplicación foi «un éxito» e Educación ofrece xa ese material ó profesorado de persoas adultas de toda a comunidade autónoma.

Pero ademais das clases de castelán, a oferta do centro monterrosino vai moito máis alá. Non só se imparten todos os niveis educativos ata o bacharelato, senón que tamén hai algúns internos preparando o acceso á universidade e outros que cursan estudos superiores, como Dereito, Filosofía ou Maxisterio, grazas ó acordo entre a prisión e a Uned.

Docencia

Institucións Penitenciarias cede ó centro educativo as instalacións e o material, mentres que o goberno galego achega os docentes. En Monterroso traballan seis, entre eles Pilar Queizán.

Esta diplomada en Maxisterio levaba anos dando clases a nenos de primaria. Logo de ter o seu fillo, solicitou a redución de quilometraxe e o centro monterrosino foi unha das opcións que lle presentaron. «Días antes de empezar a traballar neste centro, vin a película ‘Celda 211’, e teño que recoñecer que cheguei con moito medo», asegura Pilar.

En menos dunha semana, os receos desapareceran totalmente. «Estou máis ca contenta coa decisión», di. «Os alumnos aquí son moi agradecidos. Veñen ás clases con moita ilusión, algo que non sempre acontece cos máis pequenos, e en seguida ves os progresos. É moi reconfortante».

Pilar traballa cada día na alfabetización duns 15 internos de países como Francia, Marrocos e Senegal. «A meirande parte deles non falaban nada de castelán e agora xa se defenden. Coñecer o idioma é básico, tanto para a relación entre os internos como para entenderse cos funcionarios. Tamén lles resulta útil para o seu tempo de lecer, como cando queren ver a televisión nos módulos».

Entender o castelán facilítalles tamén o acceso ós talleres que de xeito periódico se fan no cárcere. «O traballo failles sentirse útiles, ó tempo que gañan algún carto».

Ilusión

O marroquí Achahbar Hassan leva catro anos no centro penitenciario de Monterroso pero non foi ata este curso cando decidiu asistir ás clases. «Me arrepiento de no haber empezado antes en la escuela. Vine porque quería aprender a hablar bien castellano, y ahora ya sé también leer y escribir». Mentres fala, Hassan amosa orgulloso o seu caderno de dobre pauta cunha impecable caligrafía.

Sentado na primeira fila, o caboverdiano Nelson Vítor Oliveira practica as divisións matemáticas. «Son muy difíciles», recoñece, «pero me encanta saber escribir y hacer cuentas».

Ó seu carón, Mohamed Mokhtari pon en práctica o seu nivel de lectura. «Me gusta mucho leer. Estoy muy contento de haber aprendido porque así, muy pronto, podré enseñarle también a mi familia en Marruecos».

Valoran como ninguén cada pequeno progreso, e esa ilusión transmítese a quenes falan con eles. «La escuela es lo mejor», sentencia Bohyl Sehide, de Mauritania. Cando chegou ó centro penitenciario, hai dous anos, Sehide só falaba francés e árabe, e hoxe xa se expresa e le sen problemas en castelán. «Me gustaría seguir estudiando cuando salga de aquí», asegura.

Da mesma opinión é Shawki Sahid, de Marrocos. Para el, progresar é unha grande satisfacción. «Me gusta mucho leer. Ahora ya puedo ir a la biblioteca del centro», explica. «Además la escuela te ayuda a conocer mejor a los compañeros». Diso se trata, dun centro de adultos como outro calquera, sen barreiras nin diferenzas. Simplemente un grupo de persoas que acude ás clases coa ilusión de aprender.

Unha aprendizaxe sen barreiras
Comentarios