Unha aposta

ESCOITO parte dunha desas conversas que nos son tan propias aos naturais deste país e nas que, no tempo que leva baleirar a pequenos grolos unha cunca de tinto, queda practicamente amañado todo canto anda mal neste noso mundo, ou polo menos bastante ben encamiñado, que tampouco non podemos pretender dar solución cumprida a tanta desfeita en pouco máis de media hora. Mantíñana, a conversa que digo, estoutro día á porta dun dos garigolos nos que os lugueses imos comer o polbo polo San Froilán, dous amigos, xa entrados en anos pero aínda en bastante bo estado de conservación, que aproveitaban a agradable temperatura da tardiña do que fora un día de calor para falar, beber algo, coa moderación que a idade e mais as autoridades competentes aconsellan, e contemplar de vagar o outonizo solpor que tanto e tan romanticamente impresionara no seu día a Jacques Mabille de Poncheville. Ben sei que non é de boa educación escoitar o que outros falan sen estar convidado a facelo e moito menos aínda o de andalo despois contando por aí, pero debo dicir en descargo meu que eles conversaban no ton que nos é propio aos que necesitamos compensar a diminución da capacidade auditiva coa que a idade nos veu prexudicando e iso permitía a cantas persoas había polo arredor escoitar sen esforzo canto se dicía, algo que eles -seino porque os coñezo- non tiñan inconveniente ningún en que así fose.

Despois de dar e recibir novas sobre a saúde e actividades de familiares e amigas e amigos comúns e de tratar bastante superficialmente algúns dos temas da actualidade local foron dar, como non podía ser doutro xeito, ao da omnipresente crise... E aí foi onde un deles comezou a encher a conversa de interrogacións que, aínda que sería de supoñer que fosen dirixidas ao seu interlocutor, calquera diría que ían dirixidas a todos cantos por aló estabamos e, sobre todo, a moitos dos que non estaban nin estarían. «E logo ti cres que de non ser polo demo este de crise chegariamos a saber algo desa chea de millóns que apañaron de moitas caixas de aforro ese fato de indecentes que se premiaron a si mesmos pola pésima xestión que nelas fixeron?». E non agardaba resposta, seguramente porque sabía que non era precisa, pero así e todo botaba arredor unha ollada case desafiante antes de continuar: «E agora apóstoche outra ronda a que ningún deles ten depositados na entidade da que os levou a totalidade dos cartos cos que encheu o fardel da súa deshonestidade...».

O amigo sorriu e pediu ao camareiro que lles servise outra do mesmo.

Comentarios