martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Un Waterloo de palestinas y chirucas

Os Berrogüetto saúdan o seu cambio estético. Foto: XOÁN PIÑÓN / AEP
Os Berrogüetto saúdan o seu cambio estético. Foto: XOÁN PIÑÓN / AEP

AS IMAXES postdestitución do director de El Mundo nos presentaron a Pedro J. Ramírez dando as costas. Amosa o negro lombo do tempo, que inventou Javier Marías que escribira Shakespeare. Esas costas marchan espertando unha morriña ampulosa entre os seus, coma se fose Napoleón retirándose á Saint Hélène tras a debacle de Waterloo e non o que derrotara os prusianos en Jena. Hegel, que daba clase nesa cidade turinxia, viu pasar o emperador galo por baixo a súa ventá. Escribiulle a un amigo que Napoleón era «a Historia montada a cabalo».

Pedro J. fixo un periodismo tan musculoso como tumefacto de soberbia. Non é o xornalismo montado a cabalo. Faltoulle unha guerra. Tivo as guerras do Golfo, pero viviunas dende a retagarda. A distancia a respecto da primeira liña de fogo non erixe estatuas.

Hemingway sabíao e marchou na busca do ruído dos sabres. Foi condutor de ambulancias na Primeira Guerra Mundial; xornalista, na Guerra Civil, e estrela de Hollywood no desembarco en Normandía. Avanzou cara a París coa intención explicitada de «liberar o Ritz». O novelista aseguraba que a guerra é «o máis belo deporte que se pode practicar ao aire libre».

Alexandr Pushkin marchou canda o exército ruso polo Cáucaso, Georgia e Armenia. En ‘El viaje a Arzrum’ conta que, mentres negociaban con emisarios turcos a rendición da cidade otomana, os sitiados empezaron a disparar. O conde Paskevich ergueu o queixo para seguir cos ollos unha bala de canón asubiando sobre a súa cabeza, sacude o pó negro do uniforme e comenta a Pushkin en francés: «Mire os turcos, non se pode un fiar deles».

Hemingway percorreu a fronte italiana nunha Ford T en 1918. Moceou cunha enfermeira: o soño remoto e calado de todo guerreiro. «Cando un vai á guerra sendo rapaz, ten unha grande ilusión de inmortalidade. Son outras as persoas que morren, non che acontece a ti», anotou.

Valle Inclán proxectara investir a gloria das armas en ser cacique no «pazo priorato de La Merced», no Salnés. Con ese elevado fin marchou botar unhas vacacións de outono á Primeira Guerra Mundial. Atopou a súa fronte na Alsacia.

En 1916 dedicouse a narrar en crónica elegante o xeito salvaxe en que franceses e alemáns se arrincaban os brazos e as pernas con obusazos. Escribiu un caderno de apuntamentos noturnos que agora recuperou a cátedra Valle Inclán da USC,que os editará como ‘Con el alba. Cuadernos de Francia’.

Baseándose nesas notas, o cronista argallaba artigos para El Imparcial que recompilou en ‘La media noche. Visión estelar de un momento de guerra’, en 1917.

Pedro J. quedou en vítima dunha guerra de polis e cacos, pero disque marcha co equivalente ao 1% do orzamento da Consellería de Cultura. O recurte no gasto público está tras moitos problemas que ten a cultura nestes anos.

Un síntoma da dependencia do orzamento público é que sete músicos renunciaron o pasado martes a continuar como Berrogüetto. A falta de público e discos venidos impídelles actuar colectivamente. Berrogüetto marchan dereitiños cada un para a súa casa musical.

O folk e as súas declinacións nunca me entraron pola orella, pero agradézolle a Berrogüetto o estilismo, que abandonasen palestinas e chirucas no campo de batalla e vestisen a modernidade, con chaqueta e pasmina, que é a palestina dos conservadores. Brian Epstein indicou aos Beatles que deberían cambiar as cazadoras de coiro propias do lumpenproletariat que gravaba na Sun Records por uns traxes. Acertou.

Carlos Núñez descobre unha tradición celta de Galicia en Estados Unidos

A VER SE O PROBLEMA dos Berrogüetto vai ser de discurso. Varios membros coincidiron en Matto Congrio con Carlos Núñez, pero non aprenderon a teorizar coma o gaiteiro. Berrogüetto marcha de xira de despedida por Galicia e Núñez marcha de xira promocional por Estados Unidos e Canadá. Os ámbitos son indicativos da influencia de cadaquén.

Será o xeito no que presentan os acontecementos da súa carreira. Pedro J. amosounos a súa destitución coma un affaire Dreyfus no que el era o tenente xudeu acusado e máis o Zola defensor.

Os Berrogüetto despídense cun agradecemento humilde que os honra. Se cadra non se presentaron no campo de Marte cando foron requeridos. Valle Inclán non o dubidaba: «Quién sabe si aún podre realizar aquel orgulloso propósito de escribir las emociones y las visiones de un día de guerra».

Na outra beira do Atlántico, Carlos Núñez idea unha estrambótica teoría de que Estados Unidos é o punto de encontro da música celta na que se atopan a tradición irlandesa e a hispana -que tería chegado por vía suramericana-.

A tradición celta de orixe hispana nos USA tende a cero. Non coñezo gaiteiro norteamericano algún. Seguro que existen porque, como di o pintor Labajjo Grandío «o galego emigra porque ten necesidade de coñecer». Eu diría que o galego ten que quitarse do paro, pero non son artista. Ser pintor confire unha visión estelar e valleinclaniá da que carezo.

De calquera xeito, estou encantado de que sexa Carlos Núñez quen faga esas reflexións sen pouso. Se chega a ser Xosé Lois Foxo, estariamos nunha nova batalla da miña guerra favorita.

Un Waterloo de palestinas y chirucas
Comentarios