Un verano en el que aprender jugando entre compañeros

Os campamentos fan o seu propio agosto ateigándose de nenos e nenas entre os dous e os 14 anos, na súa maioría. Foméntase especialmente a convivencia, conxugándoa con excursións, coñecemento doutras culturas e actividades deportivas
Campamento en Vilalba
photo_camera Campamento en Vilalba

Atrás quedaron os madrugóns para ir ao colexio, as merendas entre deberes e as saídas ao encerado. A chegada das vacacións é o momento idóneo para romper coa rutina, pero sen esquecer as boas cousas. Para a maioría dos máis pequenos o mellor do colexio é pasar o tempo cos seus compañeiros, algo que se ve perturbado cando o timbre das clases toca por última vez no curso.

Pero para todo hai unha alternativa, e os campamentos convértense, unha tempada máis, na elección de moitos pais con horarios laborais difíciles de compaxinar e de nenos e nenas ansiosos por pasalo ben. A comarca chairega, As Pontes e Meira ofrecen unha morea de propostas coas que facer máis amenos os case dous meses de descanso que se presentan por diante. Algúns xa foron, outros están sendo e moitos quedan por diante ata que chegue a volta ao cole.

Unha mellor conciliación entre a vida laboral e familiar para os proxenitores é o obxectivo principal destas iniciativas

Arredor de corenta nenos da Pastoriza xa gozaron da súa experiencia campestre nas dúas últimas semanas de xuño, cando puideron visitar praias, o río Miño en catamarán ou iniciarse en piragüismo na Escola de Lugo. Ao igual que en Guitiriz, onde a actividade estrela do campamento de verán foi a saída a Cabeza de Manzaneda.

Estes días, concellos como Begonte, Vilalba, Cospeito, Meira ou As Pontes acollen actividades lúdicas e deportivas coas que entreter os rapaces durante os días de vacacións.

No club fluvial de Begonte cerca dunha vintena de pequenos xúntanse dende o pasado 29 de xuño ata o final de xullo para bailar, brincar e ata experimentar con canoas. Dende o comezo da xornada, ás 9.30 horas da mañá, ata o momento de xantar, gozan de diversos xogos á beira do río Ladra. E en Castro de Ribeiras de Lea, en Castro de Rei, terán ata o vindeiro 30 de agosto a oportunidade de participar en obradoiros de pintura, realizar distintas actividades deportivas e, se o tempo o permite, achegarse ata algunha praia.

A capital chairega tamén dará a súa dose de entretemento para os pequenos vilalbeses e para aqueles que veñan doutros puntos da xeografía. Neste caso, a concellería de deportes vén de organizar o seu campamento de verán, que se prolongará ata o 14 de agosto. O parque zoolóxico de Marcelle e a Granxa Escola Garabullos serán uns dos destinos para familiarizarse coa natureza, sen esquecerse dos xogos acuáticos tanto en piscinas como en praias.

Arredor do concepto de igualdade móvense todos aqueles que participan no Concilia Guitiriz, unha iniciativa promovida polo Concello que se leva a cabo nas instalacións municipais e nos exteriores.

Así mesmo, o colexio pode ser algo máis que un lugar no que estudar. Como é o caso do pontés A Magdalena, onde máis de medio centenar de rapaces e rapazas teñen, dende o pasado 22 de xuño, a oportunidade de participar no campamento urbano promovido polo Concello das Pontes. Prolongarase ata o día anterior ao comezo do curso escolar, coa fin de facilitarlles aos proxenitores a conciliación entre traballo e familia.

Iniciativas paralelas

Alén das propostas lúdico-educativas que ano tras ano ofrecen os concellos, hai outras que proveñen de asociacións e entidades asentadas na zona. É o caso das acampadas intermunicipais na natureza que se celebran en Vilarbó, en As Pontes, onde distintos municipios de Galicia xunto coa Escola de Tempo Libre Néboa e outras entidades póñense á fronte dunhas actividades que reúnen a máis dun centenar de mozos e mozas de entre doce e 17 anos co obxectivo de concienciar sobre a importancia de preservar o entorno natural.

Tamén na vila pontesa, o espazo infantil Picariños promove a integración e a convivencia dos pequenos. Ata o 4 de setembro poderán entreterse con ocupacións do máis variadas, xa que cada semana está adicada a unha temática diferente con ducias de actividades para tódalas idades.

Outra espazo infantil, neste caso Colorín Colorado, de Vilalba, é a primeira vez que se encarga de organizar un campamento estival, que xa conta cunha trintena de nenos e nenas de entre catro e once anos. Nel poden aprender sobre cociña creativa, manualidades e ata recibir visitas de Protección Civil e da Policía Local, para coñecer algo máis sobre a seguridade cidadá.

En canto a Meira, a asociación M de Meira busca que os máis novos coñezan o mundo que aínda non viron. Unha viaxe por outras culturas, ancestrais ou innovadoras, dende os aboríxenes de Australia ata os maias de América. Todo para poder ter un coñecemento máis global daquilo que está afastado. Outra proposta da capital meirega vén da man de Vingolea, en colaboración co Concello, que pón en marcha unha serie de xogos, obradoiros e excursións para inculcar unha vida saudable, ademais dos valores da convivencia e da cooperación.

Comentarios