Un verán de tolos

O verán e o parón ligueiro fan estragos nos seus protagonistas. Miren para Forlán, un semideus no seu país pola fazaña da Copa América sinalando nada máis aterrar en Madrid o seu desexo por volver ao Atlético para poñerse a traballar “canto antes”. Iso non o cre nin el. Deixar a festa e as loubanzas de Montevideo coa Copa América polas carreiras de pretempada no Cerro del Espino. Haiche diferenza.

Un compañeiro seu xa non terá que subir polas corredoiras do Escorial. Agüero marcha para Manchester enchido de billetes, desacougado polo amor imposible co Real Madrid e delatado polas hemerotecas. En xaneiro, tras renovar o seu contrato no Calderón, prometerá fidelidade cos do Manzanares. Era o veredicto da afección. Forlán no papel de malvado e o Kun convertido en ídolo. Aqueles cumpridos de pouco serviron. Agüero volveu de Bos Aires sen despedirse do club que o fixo futbolista. Alguén terá que recoller as súas cousas. El en Madrid só deixa 45 millóns de euros, que non son poucos, desde logo.

Hai máis cousas inexplicables. Que un pedazo adestrador como Caparrós –capaz de sacar ouro do Deportivo e do Athletic– acabe aceptando a oferta do Neuchatel para non quedar no paro. Quen llo diría hai dous meses, con San Mamés vibrando polo retorno europeo, que tería que conformarse con adestrar na Liga suíza. Ver para crer.

Pecho esta columna desexándolles unhas boas vacacións. Desconecten por uns días, gocen dos seus e conten os días para volver emocionarse co fútbol. A Liga volve cedo, o 21 de agosto, con Celta e Dépor na puxa polo ascenso e con outras moitas cousas. Cun Eurobasket en Lituania que promete e cunha Vuelta a España que terá tres etapas en Galicia e na que, oxalá, o noso grande Ezequiel Mosquera, poida volver emocionarnos.

Comentarios