Un vello rockeiro da dignidade

VÉN DE morrer Stéphane Hessel, rapaz de noventa e cinco anos que cun pequeno panfleto, ‘Indignádevos’, espertou a sociedade recordándolle que nesta crise dos cobizosos non ten dereito á somnolencia. A penas trinta e dous páxinas a favor da resistencia da poboación serviron para catalizar o 15-M e outros movementos contra un modelo inhumano, o neoliberalismo económico. O manifesto empraza a todos, sobre todo aos novos, a ter coraxe para denunciar a degradación económica e moral. A vencer o medo, a non calar, a esixir castigo aos culpables.

Chama a atención que este vello tan vello, cunha mensaxe atractiva e renovadora, resulte tan novo. Alemán nacionalizado francés, non é un calquera. Hai sesenta e cinco anos foi un dos protagonistas dun dos cumios da historia de Humanidade: a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que nos fixo sentir o orgullo de pertencer á raza humana. E de que todos compartimos unha única cidadanía, a de seren cidadáns do mundo.

Os dereitos humanos son iso, dereitos de todos ao marxe de peles, terra, credos, ideoloxías ou sexos, cousiñas secundarias. E son tan sagrados que toda rebelión é boa á hora de defendelos. Por exemplo, dos oligarcas financeiros que convertiron palabras do dicionario como gañancias ou competitividade en actos criminais contra pobos enteiros.

A Europa terrible do século XX semella que non aprendeu nada esquecendo que a igualdade sen liberdade foi a orixe dunha ideoloxía que oprimíu pobos enteiros. E que a liberdade sen igualdade é agora este capitalismo depredador que escraviza ao planeta. Pensabamos que atrás quedaba a falta de dereitos, e que aprendendo leccións do pasado, a Europa dos dereitos humanos sería quen de crear un futuro máis fraterno.

Stéphane Hessel é unha voz potente de noventa e cinco anos que invita a se erguer contra este sistema inxusto onde seis ou oito países dictan o camiño aos case douscentos que compoñen a familia humana. Nacido alemán, é capaz de indignarse e dicir non a unha Alemaña que derroca gobernos democráticos en Grecia e Portugal e que está a facer odiosa a idea de Europa.

Hessel é moito máis; membro da Resistencia capturado pola Gestapo, pasou polos campos de Buchenwald e Dora-Mittelbau. Mestura de home lúcido e revolucionario, navegante entre a realidade e a utopía, foi unha das conciencias que axudou a crear cultura de dereitos humanos. Humanista convencido, defensor da dignidade humana, reivindica, sen outros límites que o respecto á vida, o dereito a indignarse, sobre todo a mocidade. Eles, os máis novos e preparados, son herdeiros do futuro. Recibiron case todo gratis pero, como lles recorda este vello rockeiro da dignidade, teñen prohibido o silencio. E ningún dereito á derrota.

Comentarios