Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Pardiñas: un recordo pola colectividade

Ambiente festivaleiro no recinto da Mostra de Instrumentos
Ambiente festivaleiro no recinto da Mostra de Instrumentos
O mestre artesán Antón Corral abreu co seu pregón a Mostra de Instrumentos de Pardiñas, unha festa dedicada ao finado Antón Varela 'Tonecho', "como a el lle gustaría"

ESCRIBÍA MANUEL  María que "os galegos tocamos a gaita para expresar aqueles sentimentos que non sabemos dicir con palabras", tal e como se lembrou onte na apertura da XXIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, "un prato forte" que vén sendo a inauguración oficiosa do Festival de Pardiñas.

E sentimentos non faltaron, na música e nas palabras, espallados por todo o recinto do balneario. Estiveron máis ca presentes en cada unha das notas da zanfona de Óscar Fernández, que interpretou unha polka en memoria do artesán Antón Varela Tonecho, un habitual da familia de Pardiñas, finado hai pouco.

A primeira xornada puídose gozar de grupos como Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Quique Escamilla, Kalakan&Luís Peixoto, Cúig e Skandalo GZ


"A música sempre o acompañaba e as súas gaitas seguirán facendo festa", aseguraba o presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Xaneco Tubío, salientado que a Tonecho se lle dedica a mostra deste ano, "unha festa, que é o que a el lle gustaría". A homenaxe completouse con todo o recinto sentindo ao son dunha das súas últimas composicións, unha muiñeira dedicada a súas fillas.

Para Tonecho tamén tivo unhas palabras de lembranza o pregoeiro da Mostra de Instrumentos, o artesán Antón Corral, que tamén homenaxeaba a un amigo "co que aprendín nun intercambio mutuo", o "inesquecible" mestre Seivane.

O pregoeiro, un dos pioneiros da posta en valor da música tradicional galega, que ten garantido o seu legado na terceira xeración -lembrou que o seu neto Ramón é músico e artesán-, amosou a satisfacción que o facía sentir atoparse na "mostra máis antiga do país", un espazo que "segue a coidar a nosa música e os seus instrumentos", enmarcado ademais nun festival "cun fermoso lema", Feira e Festa da Música e da Arte.

Ese apelido que acompaña ao Festival de Pardiñas dende as súas orixes dá conta dun sentimento de pertenza que acompaña sempre aos milleiros de festivaleiros que ano tras ano acoden á cita máis lonxeva da xeografía galega, á que os adolescentes de antano veñen hoxe cos seus fillos.

INTERNACIONAL. E é que Pardiñas é interxeracional, con propostas de sempre, coma a Mostra de Artesanía ou o Certame Terra Chá —os premios a un cento de escolares entréganse esta tarde—, e novidades que chegan para quedar, coma o primeiro Aberto de Billarda no que, entre máis dunha trintena de participantes, os primeiros gañadores, Borxa Mexuto, Iván Alonso e Sules García, xa teñen gañado o seu oquiño na historia do festival.

Igualmente quedan vencellados ao festival os nomes dos protagonistas da primeira noite de concertos, na que se sentiron os ritmos de Bloquinho de Xermolos, Os Melidaos, Quique Escamilla, Kalakan&Luís Peixoto, Cúig e Skandalo GZ.

E hoxe quedarán os de Vintebaio, que animará a sesión vermú; Kote Malabar, que ofrecerá un espectáculo familiar ás 16.30 horas; Fina Casalderrey, encargada de pór en palabras os sentimentos no pregón do festival; ou Abróbiga, Davide Salvado, Ives Lambert Trio e Sacha na Horta, protagonistas dos concertos nocturnos.

Pardiñas: un recordo pola colectividade