jueves. 04.03.2021 |
El tiempo
jueves. 04.03.2021
El tiempo

Un señor que bota limón nos mexillóns

A literatura escrita por galegos é moi paseada e aireada pero ás beves tamén se eleva tanto que levita. Temos noticia recente de dous ascensos místicos de Carlos Oroza

T. S. ELIOT estaba enganado. Abril non é o mes máis cruel. Novembro resulta máis inhumano. Por letal. A morte ten preferencia por ese mes situado a desmán entre a última felicidade do verán e a alegría impostada do Nadal. Novembro comezan con Todos Os Santos. Nesa celebración colle impulso para a devastación. Este novembro rematou marchando con Carlos Oroza, Xosé Neira Vilas e Chao Rego na véspera de decembro. «Nunca temín que a morte levaría a tantos», confesou Eliot.

As boas persoas non teñen biografía. Neira Vilas nin sequera puido facerse unha traxectoria literaria. A súa vida como escritor comeza e acaba en 1961, cando publicou ‘Memorias dun neno labrego’. Pasou o resto do tempo sepultado polos milleiros de lectores, polas ducias de traducións, pola representación teatral en maia, pola devoción soviética,... Erguíase polas ma- ñás con esa carga, pero facíase acompañar por ela con naturalidade, sen sobreactuar. Falaba da novela que o volveu sagrado coma se fose un fillo que triunfara como ‘youtuber’.

Hai un ano entrevisteino en Lugo. «Ese libro levoume menos traballo ca outros, escribino nun café nun par de meses... e mire», lamentou. Aquela tarde unha nube de afeccionados fíxose ‘selfies’ con el. Neira Vilas sabía que aqueles momentos non eran seus, que eran de Balbino; pero sorría, tal vez preguntándose por que os seareiros quitaban a foto, dábanlle as grazas e marchaba sen darlle fala. Escolleu continuar sendo escritor e, tal vez, enganouse. A sociedade aprendeu na memoria colectiva o rezo trapense de «eu son Balbino. Un rapaz de aldea...» e ignorou o resto dos seus libros.

Mellor seríalle ter feito coma Paco Martín, que escribiu ‘Das cousas de Ramón Lamote’ en 1985 e saíu pasear. Dende aquela pode vérselle trazando rúas de Lugo baixo o sol ou baixo a luz das farolas. Na tempada das choivas pasa días completos vivindo na casa. Cando o atopo pregúntolle pola Biblioteca Paco Martín, un edificio co aire monumental e baleiro do esquelete de Moby Dick. Leva varias corporacións en construción. Se non se acaba é porque lle permite ao político de garda prometer que «desta volta, vai». Este desleixo non é exclusivo de Lugo. O Concello de Viveiro acordou en 2014 dedicarlle unha rúa no casco histórico a Carlos Oroza. Cando organizaban os fastos, repararon en que xa lla reservaran a Maruja Mallo.

A poesía de Oroza é paseada. O escritor galego sabía que tomar o fresco senta ben ás palabras, polo que non cansaba de andar Vigo arriba Vigo abaixo. No cabodedía do seu pasamento, busquei se o meu venerado Manuel Jabois escribira sobre o fascinante Oroza. Non tiven que buscar moito porque as redes estaban retuiteadas e compartidas dun texto seu. Jabois pode escribir o que lle saia do extremo do seu órgano sexual porque vai ser recibido con palmas, vítores e ecos de descorche de champa- ña. Sábese consentido, polo que se permite caprichos como cuartear anécdotas sobre Oroza, ensartalas nun pincho moruno e pechar a cociña. O medre do seu talento está sendo malcriada polo lectores.

Os amigos comúns xutifícano dicindo que ser columnista en Madrid consiste en reservar en resturantes para xantar con políticos máis que en reservar libros en bibliotecas. O astuto Pedro J. fixou como valor literario ter menos de corenta anos e aínda estamos pagando aceptarlle esa veleidade. A media da conversa neses reservados capitalinos debe de equipararse en sofisticación á acadada no debate electoral que enfrentou a Bertín Osborne e Mariano Rajoy na televisión pública. Nese día, constatei que Osborne non sabe repreguntar e que Rajoy é un galego que aconsella botar limón nos mexillóns. Bertín regou a litros e Mariano consentiu. Estaba ocupado en explicar o engorroso que se lle fai ser presidente, como se o cargo fose herdanza da que tivo que asinar a aceptación. Iso soamente acontece en Ourense.

Tras o pasamento de Carlos Oroza quedei preguntándome sobre a súa vida en Madrid. Linlle a Jabois que levitara en dúas ocasións. A descrición da primeira pareceume colleita esaxerada do articulista, pero a segunda viña avalada por Raúl del Pozo. Eu acredito en todo o que diga calquera que escriba como Raúl del Pozo. Se tivese cartos, poríalle un piso.

Os autores galegos son inclinados a coller aire, concentrarse nuns versos e elevarse uns centímetros do chan. Cando entrevisto a Manuel Rivas agárroo disimuladamente por un brazo para que non escape cara ao teito. Rivas é tan afable que nunca se queixa. A Miguel Anxo Fernán Vello non puiden agarralo a semana pasada, cando lle concederon o premio de poesía Afundación, porque falamos por teléfono. Pasamos de asuntos mundanos a eloxiar a luminiscencia. A medida que andaba a conversa, pareceume que se apagaba a voz do poeta, como cando sobes nun ascensor e perdes cobertura. Aclaroume que falaba dende o coche.

Soa estrano, pero nunca vin levitar a Anxo Rei Ballesteros, outro xenio que non necesitaba comer para trascender. Compartín un xantar con el. Cheirou con prevención a sopa que nos serviran e pediu que lla retirasen. Logo empezou a detonar con retranca de apertura retardada todo canto escritor galego vendía máis dun milleiro de exemplares. Falaba cun resentimento razoado, curado pola experiencia. A refolada destrutora de Rei Ballesteros avanzou coma un lume forestal en agosto ata deterse en Carlos Casares. Gardaba o comentario máis ácedo para el. «Teño entendido que se entregaba amablemente», apreciou. A seguir, ergueu a copa. Temín que fose propoñer un brinde cruel e mortal coma novembro, pero soamente quería pedir outro viño ao camareiro

Un señor que bota limón nos mexillóns
Comentarios