Un século de loitas de poder en Europa

Namorei de Richard J. Evans cun libro que versa sobre a epidemia de cólera que azoutou Hamburgo en 1892, un dos mellores libros de Historia que coñezo

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

COÑECÍN A Richard J. Evans hai xa anos. Non persoalmente senón a través da súa inmensa triloxía sobre o Terceiro Reich, publicada en España pero sen a sona que merece. Cando me namorei del foi cun libro anterior a ela, o que versa sobre a epidemia de cólera que azoutou Hamburgo en 1892. Para min está entre os cinco mellores libros de Historia que coñezo, aí cos de Braudel e o mítico O queixo e os vermes de Ginzburg. O núcleo dese libro resulta familiar nestes días: como unha cidade avanzada, das máis importantes de Europa, puido sucumbir a unha enfermidade tan sinxelamente evitábel? En Evans atoparán a resposta a esa pregunta e, mutatis mutandi, a outras similares. Xa me entenden.

Chega agora o profesor con La lucha por el poder: Europa 1815-1914, obra panorámica enmarcada na Historia Oxford de Europa, que por desgraza en España non se edita nin baixo esa etiqueta nin cunha orde imprescindíbel. Nin sequera na mesma editorial, xa que o volume dedicado á Reforma e á Guerra dos Trinta Anos apareceu en Pasado e Presente namentres que este e máis o que Ian Kershaw dedicou ao século XX levan o selo de Crítica.

Non é sinxelo facer destas obras monumentais algo lexíbel nin minimamente dixestivo. Evans acada o obxectivo con diversas estratexias. En primeiro lugar, a de limitar o número de capítulos: podemos ler as máis de 900 páxinas como unha serie de ensaios que mesturan o cronolóxico con cuestións máis transversais como a conquista da natureza ou o cambio de mentalidade que supuxo a emoción romántica. 

En segundo lugar, unha grande habilidade para insertar as pequenas historias do pobo dentro das grandes correntes do característico relato histórico. Calquera ten lido en moitas ocasións sobre a Comuna de París —ou pode facelo en moitos manuais—, pero historias como a das epidemias de cólera hamburguesas ou aquel nobre húngaro que viaxou por Europa para saber que coñecían alí sobre as súas terras e concluíu que a fama lles viña das fragas e os lobos dan picante a unha obra que doutro xeito podería caer na monotonía ou o tópico.

O terceiro é un estilo alegre e divulgador que conserva a tradución. Asunto importante nestes días, cando un artigo de certo académico e garda civil fracasado sobre Francoland derivou nunha polémica estúpida sobre o diferente significado da palabra paramilitar en español en inglés. Coma case sempre, os pseudo-intelectuais da CT (Cultura da Transición) quedaron en ridículo ante persoas que, con máis ou menos razón, defenden un relato da actualidade que conecta precisamente co século XIX, época do nacemento da fenda entre liberais e conservadores en España e de afirmación nacionalista en toda Europa. Quizais nos iría a todos moito mellor se lesemos máis libros de Historia e menos xornais, nestes e noutros días.

Das Guerras Napoleónicas á Grande Guerra, Richard Evans describe e explica os acontecementos que modelaron a contemporaneidade: a reacción conservadora aos avances revolucionarios e napoleónicos, o troco do centro do mundo xermánico de Austria-Hungría á Alemaña de Bismarck, o agromar de Rusia e os revolucionarios rusos e o nacemento dos movementos que liberaron ao home e á muller das cadeas que os ataban había séculos: sufraxismo, feminismo, evolucionismo, igualitarismo...

O tópico di que quen non coñece a súa Historia está condenado a repetila. Supoño que a chave para interpretar a frase está no súa. Porque a pesares das viaxes aos países dos ananos nas que se embarcan as sociedades europeas arestora, a nosa historia é a de Europa. E a converxer con ela non chegaron moitos en Francoland, Catalunya ou España. Unha boa dose de Evans habíalles vir ben.

Comentarios