Son máis de 30 e veñen dende moi diversos puntos da xeografía galega: Sarria, Vilasantar, A Coruña, O Grove, Lugo, Begonte, Guitiriz... co obxectivo común de convertérense en auténticos especialistas na arte milenaria da masaxe.
Para acadar este propósito contan coa axuda da Escola Europea de Masaxe, que por primeira vez imparte clases no hotel balneario de Guitiriz, unha experiencia que xa pensan en repetir o vindeiro ano, coa mesma filosofía, tal e como adiantou o responsable do curso, Juan Miragaya, dada a boa acollida que tivo a iniciativa.
O curso, que remata en xullo, consta de dez meses de traballo continuo en tres grupos -os mércores, pola mañá ou pola tarde, e os sábados- con leccións teóricas e prácticas. De feito, concédeselle unha grande importancia a este último apartado, con case 500 horas dedicadas a pór en práctica o aprendido.
E como en todo curso que se prece, tamén haberá examen final, para poder contar cun título acreditativo. A maior parte do temario está relacionado coa masaxe e os seus diferentes tipos -californiana, sueca, facial, china, terapéutica, con ventosas...- pero tamén se ofrecen nocións sobre primeiros auxilios ou colocación de vendaxes, estiramentos musculares ou mesmo autotratamentos, para que cada quen poida non só prestarlle atención ós demais, senón tamén a si mesmo.
Ademais trátase de concienciar ós alumnos de que non só se trata de dar unha masaxe, precisa Miragaya, senón tamén de ser quen de identificar lesións, como poden ser hernias, cervicalxias, tendinitis, contracturas..., que poidan causar unha dor.
A formación do alumnado complétase nas instalacións do propio balneario, con clases sobre o usos dos chorros ou das bañeras, as propiedades das augas mineromedicinais, os tratamentos con algas ou lodos.
Juan Miragaya explica que a través deste curso, un dos máis completos que se imparten a nivel non só galego, senón nacional, os seus alumnos adquiren unha ampla formación profesional ó redor da masaxe, que ademais lles pode ofrecer unha saída laboral no terreo do termalismo, porque «Galicia es el paraíso de las augas y ya se están dando cuenta de que el termalismo es un turismo que atrae a gente de todas partes, por lo que se crea una necesidad y posibilidades de trabajo real».
A masaxe deportiva é outro dos aspectos ós que se lle concede importancia no temario e que tamén contou cunha importante parte práctica a través dun acordo co Concello de Guitiriz. Un grupo de alumnos colaboraron no duatlón que se celebrou na localidade masaxeando ós participantes trala proba, unha experiencia que repetirán na carreira popular do vindeiro 25 de xuño.