sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Un relato para arestora

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS SERES humanos precisamos relatos para dar sentido á nosa existencia, tanto dende o punto de vista do entretemento —do Gilgamesh cara adiante— como dende o punto de vista da nosa propia sociedade ou individualidade. Necesitamos reconstruír o pasado con nexos de causalidade, que non sempre son sinxelos de atopar.

Nalgunhas ocasións esas construcións son imprescindíbeis para manter algo tan básico como a esperanza. É o caso das crises do capitalismo. Os humillados e ofendidos temos que crer arestora nos relatos de progreso e nas historias que falan dun pasado mellor ou nas que cren nun pasado teleoloxicamente dirixido cara un mundo máis igualitario. E estas historias son dun tempo a esta parte as "alternativas", "populares" ou "as outras historias".

No mundo cultural español atopamos ao que quizais sexa nestes intres un dos mellores historiadores do mundo nese eido, que non é outro que Josep Fontana. Ademais duns coñecementos fondos conta coa habilidade de narralos ben, o que fixo que unha obra desmesurada como Por el bien del Imperio tivese varias edicións, algo insólito no panorama ensaístico estatal. Agora segue polo mesmo rego con El siglo de la revolución (Editorial Crítica), no que amplía o campo ata a Primeira Guerra Mundial.

Para quen lese Por el bien del Imperio unha parte desta obra resultará redundante. Hai menos detalles pero a tese é a mesma, reforzada polo tempo transcorrido entre unha e outra obra, aproveitado polos poderosos do mundo para afirmarse na "grande diverxencia". A idea, sostida por datos e feitos, é que os poderosos do mundo comezaron nos anos 70 unha guerra contra os cidadáns de a pé para reducir un estado de benestar construído só por medo ao comunismo despois da Segunda Guerra Mundial. E malas novas: van gañando e por goleada.

Ao ampliar a época tratada gaña o lector un coñecemento das visións de Fontana sobre acontecementos chave para entender o noso pasado: a Gran Guerra, a Revolución Rusa, a Gran Depresión e a Segunda Guerra Mundial. Na análise de todos estes feitos amosa o autor unha enorme profundidade e unhas lecturas asombrosas. De feito a bibliografía da obra é unha lista de desexos para todo aquel interesado no século XX.

Unha pregunta inquietante sobrevoa o final do libro. E se isto non é unha crise? A análise do que sucede na actualidade comeza a estar marcada polo libro de Robert J. Gordon sobre o ascenso e caída do crecemento estadounidense —non sabemos cando se traducirá ao español— como hai un tempo estivo marcado polo de Thomas Piketty sobre o capital no século XXI e a súa evolución histórica. A tese de Gordon é sinxela: as innovacións do século XXI non son verdadeiramente significativas para mellorar a vida material das persoas (occidentais) e é imposíbel que se repita unha emerxencia como a do século que vai de 1870 a 1970.

Como di Paul Krugman, ao mellor o futuro tampouco é o que adoitaba ser. Pero tanto Fontana como Krugman aquí só poden facer un exercicio de voluntarismo que os leve a negar o seu propio relato, o que resulta paradoxal. Despois de dedicar seiscentas páxinas a demostrar efectivamente que as elites controlan o progreso da sociedade e que os avances neste son cada vez máis limitados, a esperanza de Fontana e os seus lectores é que regrese unha breve etapa de bonanza -a que vai de 1950 a 1972 nos países occidentais, o Terceiro Mundo xa tal- cando o inimigo —a menos que como tal consideremos a sociedade chinesa— desapareceu do mapa ideolóxico.

Un relato para arestora
Comentarios