Un premio a unha experiencia de cooperación en África

A semán pasada entregáronse en Oviedo os premios anuais da Fundación Príncipe de Asturias nun acto no que cecais os momentos máis emotivos estiveron protagonizados polas declaracións de Ingrid Betancourt. Aínda que eu quedei especialmente interesado polo outorgado a unha candidatura conxunta de catro organizacións africanas polos seus traballos sobre a malaria.

Este premio non só recoñece a estes centros de investigación considerados como líderes na loita contra a malaria en África, senón tamén o seu papel no ámbeto da cooperación internacional, pois nas anteriores edicións esta modalidade era outorgada a importantes
acordos de paz ou a políticos moi salientabeis neste eido. Recoñece o traballo de catro organizacións de Tanzania, Mali, Gana e Mozambique con distintos estatus, pois hai desde centros de saúde dos seus gobernos ata organizacións non gubernamentais e autónomas.

Pero o que as fai máis salientabeis son a cooperación existente entre elas e sobre todo o seu enfoque integral sobre a saúde. Están traballando na busca dunha vacuna contra a malaria, pero son conscientes de que a vacuna por sí soa non soluciona este problema.

A malaria é unha enfermidade que afecta aos máis pobres, é ao mesmo tempo consecuencia e causa da pobreza. A súa incidencia agrávase polas deficientes condicións
de salubridade e das infraestruturas e afecta a poboacións debilitadas pola desnutrición. A situación tense complicado polo incremento da resistencia aos medicamentos utilizados ás veces sobre persoas que non estaban diagnosticadas porque non había medios para poder facelo. A súa erradicación ademais de basearse en fármacos tamén precisa de avances económicos e sociais dos países máis pobres. Por iso estas catro institucións premiadas non só teñen entre os seus obxetivos a investigación, senón tamén a capacitación do persoal, a atención sanitaria e a mellora das condicións de vida como ferramentas para romper a relación entre enfermidade e pobreza.

Precisamente o Centro de Investigación de Saúde de Manhiça en Mozambique, que é dirixido polo español Pedro Alonso, é ben explícito na presentación das súas actividades: «Sen saúde non hai desenvolvemento». Por iso é un dous poucos establecementos enclavado nunha área rural de África, en Mozambique, un país atrapado no círculo vicioso xerado entre as enfermidades e a pobreza.

Por todo isto compre salientar e recoñecer este premio: polo traballo desenvolvido, polos mecanismos de cooperación establecidos e sobre todo pola conciencia clara que teñen da saúde e do desenvolvemento.

Comentarios