Un pontés estudia en África a posible relación entre os morcegos e o ébola

Roberto Hermida participou nunha expedición do Instituto Bernhard Nocht de Medicina Tropical de Hamburgo
Parte do equipo xunto cos xefes dunha aldea, nunha zona de mostreo
photo_camera Parte do equipo xunto cos xefes dunha aldea, nunha zona de mostreo

O biólogo pontés Roberto Hermida, un dos responsables do grupo de traballo Drosera, adicado ao estudo e conservación dos morcegos en Galicia, acaba de viaxar a África para investigar a posible relación destes animais -«descoñecidos e rodeados de mitos, pero fundamentais para o ecosistema como os principais consumidores de insectos nocturnos»- co ébola, unha enfermidade que se cobrou miles de vidas.

«Temos un campo de traballo nas Insuas do Miño de carácter científico ao que asisten especialistas en morcegos e libélulas e aí coñecín a unha bióloga que traballa en temas de ébola», explica Roberto. Ese encontro casual foi a súa tarxeta de embarque a unha expedición do Instituto Bernhard Nocht de Medicina Tropical de Hamburgo, que o levou, xunto a outras cinco persoas, ao punto cero do brote máis mortífero de ébola en África, Guinea.

Morcego

«Foi en 2014. Era a primeira vez que aparecía o ébola en África Occidental. Os primeiros brotes foron no Congo, Sudán do Sur e a República Centroafricana, en zonas de selva pouco poboadas. En Guinea saltou a zonas urbanas e estendeuse a Liberia e Serra Leona. As cifras superaron os 10.000 mortos», explica o pontés, que indica que o obxectivo fundamental da expedición era o seguemento dos supervivintes, para a busca de anticorpos e o estudo de posibles efectos secundarios. A relación dos morcegos co virus era unha parte concreta da investigación.

«Hai varios casos nos que se sospeita a implicación dos morcegos, pero nunca se chegou a demostrar. O caso do neno de Guinea, que supostamente se contaxiou cun morcego, declarouse catro meses despois das primeiras mortes. Botóuselle a culpa demasiado pronto aos morcegos», di, e insiste en que o virus «nunca se atopou vivo».

O seu papel na expedición centrouse no traballo de campo: captura de morcegos e identificación de especies. Aos vivos sacábanlles mostras de sangue e tecido das ás. Aos mortos, practicábanlle necropsias

«Hai un brote, mortes e o virus desaparece e non se volve a saber nada ata que hai outra grande mortandade, humana ou doutra especie. Do ciclo do virus na natureza non se sabe case nada. Parece que os morcegos teñen algún papel na súa circulación, atopáronse anticorpos, pero non está claro que sexan reservorios -hospedadores- da enfermidade», explica, ao tempo que sinala que aínda que o foran, probablemente non serían os únicos.

O seu papel na expedición centrouse no traballo de campo: captura de morcegos e identificación das especies. Aos vivos sacábanlles mostras de sangue e tecido das ás. Aos mortos, practicábanlle necropsias. «Se son reservorios o virus ten que estar agochado nalgún órgano». En total, recolleron mostras duns 70 morcegos, dos máis de cen que capturaron en covas, casas ou bosques, de doce especies diferentes.

«Foi un luxo participar, non tiña experiencia con morcegos tropicais e puiden coñecer un montón de especies», indica este pontés, que recoñece que a expedición foi unha sorpresa para familiares e amigos e defende que, pese aos medos iniciais, os riscos son mínimos. «As posibilidades de contaxiarse son remotas», di, e asegura que xa pensa en repetir o ano que vén, aínda que recoñece que hai momentos difíciles.

«A xente ten moi presente todo. O brote de ébola pechouse en 2016 e algúns son os únicos supervivintes dunha familia enteira. E hai certo recelo nalgunhas vilas cara os brancos. Quedou un certo runrún de que tiveran algo que ver», narra este pontés, sobre unha aventura con luces e sombras: as grandes situacións de pobreza, as altas temperaturas, que superan os 30 grados, ou as dificultades para o desprazamento.

"Sábese pouco do ébola porque está en África. É custoso, e as condicións de traballo son complicadas, pero hai que investir máis"

«Aquí montouse un laboratorio de seguridade catro, pero alí non había apenas tratamento. Eran coidados paliativos. Non teñen medios e o que se puido poñer en marcha foi con entidades de axuda internacional», denuncia. «Sábese pouco do ébola porque está en África. É custoso, e as condicións de traballo son complicadas, pero hai que investir máis. Sabemos o que fai en humanos e o que hai que facer para controlar os brotes, o importante que é illar aos enfermos dos sanos. En África algunhas comarcas salváronse porque os xefes das aldeas prohibiron durante meses a entrada e a saída. Pero o virus aínda é un gran descoñecido».

Comentarios