Un pobo enfermo

Non sei se somos un pobo enfermo ata o extremo no que definiu Alcides Arguedas a súa Bolivia de principios do século XX, onde os terratenentes se negaban a impulsar o ferrocarril porque os indíxenas xa lles transportaban gratis as colleitas.

As axencias de cualificación, os grandes investidores, os burócratas da UE, as potencias dominantes desa mercacomunidade... ata os guionistas de programas de humor foráneos diagnostícannos esa doenza que só ten un remedio: unha involución na autoestima que nos converta de novo neses amables indíxenas que se conformaban co pan e o sal para non importunar o señor, que é quen mellor sabe o que nos convén.

O novo Goberno central comezou a aplicar o remedio importado sen demasiado convencemento, aínda que consciente de que a anestesia aplicada polos seus antecesores dificilmente vai alterar o aturdimento xeral que se vive. Conxelación de soldos, subida de impostos, reforma laboral xa non son palabras tabú para uns políticos que souberon implantar na sociedade a mensaxe de que mal de moitos é un consolo, aínda que sexa de fatos.

Quedo coa estratexia dos sindicatos ante a situación, esperar a ver como reaccionan os traballadores ante a terapia de choque aplicada antes de botarse á rúa. Pois que non se estrañen se desta o enfermo foxe tamén do acompañante.

Comentarios