Un pazo con historia

Localizado en Vilar (Sarria), o Pazo ou Casa da Raña é o último exemplo de arquitectura civil señorial incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia
A cheminea é un dos elementos máis característicos do Pazo da Raña
photo_camera A cheminea é un dos elementos máis característicos do Pazo da Raña

No lugar de Rañoá, pertencente á parroquia sarriá de Vilar, álzase dende hai máis de tres séculos unha casa grande, típica dunha rica rexión agrícola, con pedra de cantaría que destaca pola súa boa factura. Trátase do Pazo da Raña, unha construción iniciada a mediados do século XVII e merecente da súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia.

A familia propietaria do predio promoveu xa en 2008 ante a Xunta unha solicitude de protección para o conxunto arquitectónico que reiterou a finais de 2015. Ante esta petición iniciouse un expediente que recibiu os informes favorables do Servizo de Patrimonio da xefatura territorial provincial da Consellería de Cultura e da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo, segundo a cal o inmoble é "testemuño tanxible da importancia que tiveron os pazos entre os séculos XVIII e XIX" e posúe uns valores arquitectónicos, etnográficos e históricos que o fan "merecedor de conservación".

En base aos informes, e tras ser sometido o expediente a un período de información pública sen que se rexistraran alegacións, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural acordou recentemente outorgarlle a protección solicitada, como ben inmoble coa categoría de monumento, coa que se preserva para o futuro evitando a desaparición.

De finais do século XVIII é a capela da Concepción, fundada por Bartolomé Vázquez, quen era señor do coto da Raña e abade de Pinol


O Pazo da Raña localízase nunha ampla parcela cunha extensión duns 15.000 metros cadrados, pechada na súa totalidade con muros de cachotaría que nalgúns puntos superan os tres metros de altura. Dentro deste terreo sitúase a vivenda principal, cunha superficie de 530 metros cadrados, repartidos en dúas plantas. Hoxe en día consta de dez cuartos e dúas cociñas se ben no pasado chegou a albergar ata 22 habitacións e tres cociñas, das cales a máis antiga aínda conserva a lareira, a típica lacena e o vertedoiro de cantaría.

Á hora de catalogar este inmoble, a Xunta valorou como un dos elementos máis interesantes a existencia desta lareira, sobre a cal se levanta unha "gran cheminea apoiada sobre catro columnas de cantaría e con escadas interiores", cuxa volumetría chama a atención desde o exterior como "claro símbolo da prosperidade económica da casa".

Outro dos elementos máis significativos é o corredor da planta alta, de 18 metros de lonxitude, que comunica coas habitacións máis antigas do pazo e ao que se accede por unha escaleira de cantaría. "Neste corredor destaca o sistema porticado con columnas clásicas características da arquitectura culta", sinala a ficha do inmoble, segundo a cal o Pazo da Raña se desenvolve conforme o "modelo tradicional para a explotación e control do territorio, illado nunha grande extensión de parcelas agrícolas mais preto do núcleo da Rañoá, no que tamén se conservan boas mostras da arquitectura rural tradicional".

A zona do corredor, a planta baixa abovedada e o forno estarían incluídos na primera fase de construción do pazo, aló polo ano 1650. Unha inscrición existente nunha das portas da casa dá conta dunha segunda fase que data de 1788 e á que seguiría a terceira e última ampliación no 1848.

De finais do século XVIII é tamén a capela da Concepción, fundada por Bartolomé Vázquez, quen era señor do coto da Raña e abade de Pinol, en Sober. Segundo recordan os lugareños, neste pequeno templo oficiábanse hai décadas misas para toda a veciñanza de Rañoá, para o cal había un acceso á capela dende o exterior sen necesidade de entrar polo pazo.

O conxunto complétase cun pombal, que tamén ten a consideración de ben inmoble inventariado, un muíño do que só se conservan as pedras e unha pía "que polas súas dimensións podería asimilarse a un sepulcro".

Comentarios