Un paso atrás para a Revolución Bolivariana

Un paso atrás, si, mais quen di que Chávez non teña marxe para dar dous pasos adiante? Segue tendo petróleo para financiar o seu goberno, e o seu mandato presidencial alóngase aínda ate o 2013. O ano pasado renovouno co 63% dos votos, a maior porcentaxe das súas victorias. Ten tempo dabondo para insistir na Revolución Bolivariana e no Socialismo no Século XXI.

A recente derrota do seu proxecto de reforma constitucional ten moitas lecturas. Indica, sen dúbida, o primeiro éxito electoral da oposición venezolana dende que Chávez chegou ao poder, en 1999. Un paso atrás para a Revolución Bolivariana. “No se pudo por ahora”: Chávez, rabioso, recoñece a derrota. Desta vez foi demasiado rápido, cometeu un erro estratéxico: o electorado non estaba maduro para as súas propostas, a campaña fíxoselle curta, a oposición gañoulle vantaxe. Mais el insiste: “Esta propuesta está viva, no está muerta”, “Ni una sola coma de esta propuesta yo retiro”, “No se pudo por ahora pero lo mantengo”. Ese “por agora” reflicte a fixación do proxecto político chavista. Foi a mesma frase que empregou tralo fracaso do seu golpe de estado contra o goberno de Carlos Andrés Pérez en 1992.

A posibilidade de que un goberno perda un referéndum convocado por el mesmo garante, cando menos, que o mecanismo democrático funcionou sen inxerencias. Non houbo fraude institucinal: o 50,7% dos electores votaron a prol do “Non”. Logo, o poder de Chávez non debe ser tan autoritario se ten que aceptar estes resultados. A súa vontade aínda non está por riba da vontade popular, por mal que encaixe o revés: “fue una victoria de mierda y la nuestra una derrota de coraje”.

As latricadas de Chávez inclúen, ademais dos insultos, outra lectura dos resultados, onde se revela a súa intelixencia de estratega: nunha situación de empate técnico, mellor perder polo 49,3% que gañar por tan pouca marxe. Se o chavismo acadase unha victoria pírrica, “a estas alturas este país estaría incendiado y nunca hubiera quedado claro quién ganó; las dudas hubieran apuntado con razón contra mí”. Chávez prefire dar un paso atrás para preparar ben o terreo que lle permita dar dous pasos adiante.

Reelección indefinida
O punto máis comentado pola prensa internacional nestas semanas desta reforma frustrada foi a posibilidade da reelección indefinida de Hugo Chávez como presidente. De terse aprobado, Chávez aínda tería que gañar as eleccións de 2013 para converterse en presidente vitalicio. O curioso desta deriva autoritaria é que se faría a través dunha consulta popular, contando co apoio dos electores. Sería unha decisión democrática do pobo venezolano. Que lexitimidade tería daquela a comunidade internacional ou as forzas de oposición para abortar ese proceso? Estarían defendendo a democracia? Cal?

Esta caste de dúbidas son habituais nos exercicios de política-ficción: o mesmo Hitler tomou o poder polas urnas. Mais... E se llo impedisen cun golpe de estado? Aforraríamos a Segunda Guerra Mundial? A que prezo? Algo semellante ocorreu en Alxeria a comezos dos anos noventa: ante a posíbel victoria electoral da Fronte Islámica de Salvanción (FIS), os militares da Fronte de Liberación Nacional (FLN) deron un golpe de estado, suspenderon o proceso electoral, ilegalizaron á FIS... e provocaron unha guerra civil aínda máis cruenta que a de independencia. Que pasaría de ter aceptado o resultado das eleccións? A FIS gobernaría Alxeria ao xeito de Irán?

Areelección indefinida de Chávez é quizais o punto máis incómodo da súa reforma visto dende a perspectiva europea. É unha figura pensada para el, mais permitiría, en Venezuela ou noutros países, que outros políticos se aproveitasen dela para perpetuarse no poder. Nesa mesma liña hai que entender a presidencia da duma rusa para Vladimir Putin: unha fórmula para seguir no allo ao non poder aspirar a un terceiro mandato.

Ter a Chávez como presidente de Venezuela ate 2050, como el ameaza se lle deixan, é unha perspectiva que asusta, mais o verdadeiro interese desta reforma que non será estaba quizais noutras medidas, menos personalistas, que mudarían a práctica do poder. O recoñecemento constitucional do poder popular, por exemplo, fomentaría a democracia directa a través dos consellos comunais; a ampliación dos dereitos económicos e sociais dos traballadores aumentaría a súa calidade de vida (terían pensións e vacacións pagadas, reduciríase a súa xornada laboral a seis horas, etc); a creación de cinco formas de propiedade (pública, social, colectiva, privada e mixta) modificaría a estructura económica... Son ideas sobre o papel, algunhas moi atractivas, que por agora ficarán nel. “Por agora”, claro. Ate o próximo intento.

Comentarios